Saro: “Se temos algo de acerto, podemos levarnos a vitoria”

  • O lateral e capitán avoga por levar ao partido ao seu terreo para poder superar ao Deportivo

Santiago de Compostela, a 21 de Xaneiro de 2021.

Despois da derrota no  Helmántico, a SD Compostela xa só pensa no  partidazo deste domingo contra o Deportivo en Riazor. Así o reflectiu Saro, lateral e capitán do equipo, quen avoga por levar o encontro ao terreo do Compos, dominando a posesión, porque asegura que “se temos algo de acerto, podemos levarnos a vitoria”.

Estado anímico. A viaxe fíxose algo longo, porque non nos saíron as cousas como nós queriamos, pero xa estamos a pensar en Riazor. Toca levantarse porque só foi un partido, tres puntos, e aínda que foi o peor encontro que nos saíu na tempada, hai que seguir. Non pasa nada por un mal día.

Sensacións para o domingo. Creo que o equipo o domingo responderá moi ben. Onte foi un accidente, un día que che sae mal e as condicións do campo tampouco nos favorecían. Por iso, hai que adestrar porque levamos moitos partidos xogando ben, aínda que non consigamos as vitorias, e nunha boa dinámica. Creo que imos seguir igual, pese ao partido de onte.

Máis que tres puntos? Nesta liga hai moitos equipos con grandes nomes, pero ao final son tres puntos máis. É un bonito partido que queremos xogar todos e oxalá podamos traer os tres puntos.

Posible estilo do Dépor. Co adestrador novo non se puido ver gran cousa ata o momento, porque o seu único partido foi en Salamanca e cocampo como estaba tampouco daba a posibilidade de practicar o fútbol que querían. Por iso, é algo de incógnita, aínda que espero un Deportivo que tentará dominar o encontro. Con todo, nós tentaremos dominar a posesión do balón e levar o partido ao noso terreo.

Imaxinábase xogar este partido? Nunca me imaxinei xogar este partido e se mo chegan a dicir nalgún momento pensaría que sería noutra categoría, non en Segunda B.

Que rival esperan? Imaxínome un Deportivo que vai saír a gañar desde o principio, porque levan uns resultados non moi bos e imaxínome que tentarán ir a por el desde o minuto uno. Con todo, nós tentaremos poñerlle as cousas difíciles e tentar sacar algo positivo, e se son os tres puntos, mellor.

Claves para superar ao Deportivo. Como mellor podémoslles sorprender é facendo o noso xogo, tendo a posesión e tentando facer o de todas as semanas, pero con algo máis de acerto na definición. Se estamos como nos últimos partidos, poñerémoslles as cousas moi difíciles, e se temos algo de acerto para a portería, algo que nos faltou nestes últimos partidos, podemos ter moitas opcións de levarnos a vitoria.

Exemplo da primeira volta. O partido da primeira volta vale para coñecer aos xogadores aos que che enfrontas, pero está claro que cada partido é distinto. No noso campo sabemos que podemos competir contra calquera, pero eles no seu supoño que darán ese plus de local. Por iso, tentaremos facer o que facemos no Vero Boquete e se temos un pouco de acerto, seguro que sacamos algo positivo de Riazor.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado