Samu: “Queremos gañar dunha vez e agardamos que sexa esta fin de semana”

  • O mediocentro asegura que o equipo ten ambición e que quere darlle unha alegría á afección no fortín

Santiago de Compostela, a 14 de Abril de 2021.

Samu Rodríguez, un dos capitáns do equipo, analizou esta tarde a marcha do Compos nesta segunda fase e a previa do encontro contra o Langreo. O mediocentro asegura que ve ao equipo motivado para acabar nos dous primeiros postos e cataloga o encontro do domingo como unha final, por iso é polo que asegura que “queren gañar dunha vez e que sexa esta fin de semana”, coa consecuente alegría que suporía para a afección.

Situación persoal. A priori, parecía que empezaría xogando polos méritos do ano pasado, pero non creo que sexa unha escusa, porque volvín despois da lesión, pero os compañeiros que estaban a xogar estaban a facelo moi ben. Hai momentos nos que toca estar no banco, adestrar duro, competir e esperar unha oportunidade. A ver se esta foi a oportunidade, se a Yago lle gustou que non o sei, pero oxalá que si.

Partido contra o Langreo. Seguramente sexa o último tren, porque se nos sacan máis distancia, despois xa non habería marxe, máis aínda sen enfrontarse a Dépor e Racing, que son dous dos equipos que están aí arriba. Seguramente sexa unha final e ademais temos ganas de gañar na casa, porque levamos tempo sen facelo.

Gañas de darlle unha alegría á afección. Temos ganas de darlle unha alegría á afección porque nestes partidos está a animar e nótase moito. Mesmo desde fóra, nas redes sociais, tamén nolo están demostrando, por iso é polo que queremos darlle unha alegría, porque os grandes partidos que fixemos no Vero Boquete de San Lázaro, xustamente, foron a porta pechada.

Os empates. Neste formato, os empates case son como derrotas, porque apenas sumas e máis se gañan os outros. Estamos a competir ben, pero está a faltarnos ese chisco para sumar de tres.

Estado físico e mental. Ao equipo véxoo ben. Estou a escoitar temas de físico ou mental, pero creo que contra o Numancia fixemos un gran partido, pero eles chegaron dúas veces e marcaron dous goles. Esa é a diferenza entre uns equipos e outros, se os orzamentos están aí é porque nas áreas son moi bos e non creo que fixésemos malos partidos como para dicir que estamos mal fisicamente. Ademais, só levamos vinte partidos, porque este ano é unha liga moi curta. En condicións normais, nestas datas, igual os que máis partidos levarían, terían uns trinta e dous partidos, polo que non creo que sexa unha escusa a nivel físico ou mental. Temos gañas, queremos gañar dunha vez e agardamos que sexa este fin de semana.

Un equipo enchufado. O que nos vexa adestrar non pensaría que hai relaxación. Temos a máxima ilusión de meternos entre os dous primeiros. Contra o Numancia, a pesar de estar dous abaixo, seguimos insistindo para tentar meter gol, contra o Marino buscamos os tres e quixemos ir a polo partido, por iso o ida e volta nos últimos minutos. Por todo iso, creo que estamos enchufados para acabar o mellor posible estes catro partidos.

O rival. Vinlles estes partidos contra Ferrol e Dépor e é un equipo duro, ademais que virán do subidón de gañarlle ao Deportivo e vai ser complicado. A clave estará en ser fieis ao que fomos en casa e estar máis axustados para non recibir goles, porque despois é raro que nós non marquemos.

Empezar ben. O problema que tivemos ultimamente en casa foi ir a remolque dende o principio e iso é o que queremos cambiar. Se o partido vai empatado ou a favor, nos minutos finais teremos moitas opcións de gañar.

O fortín. Numancia ou Celta B están afeitos a xogar en campos como San Lázaro, mentres que en Terceira era moi diferencial. Por iso, en Segunda B iguálase todo. Creo que non empezamos algúns partidos como nos gustaría e ir a remolque sempre che xera problemas.

Acerto nas áreas. Vimos o partido contra o Celta B e os goles son as únicas chegadas deles en toda a primeira metade. Esa é a principal diferenza entre Segunda B e Terceira, que aquí rara vez fallan os equipos na área. Ademais, sempre hai partidos nos que o rival está máis acertado, pero non creo que sexa falta de concentración.

Un equipo que xera moito. Creo que somos o equipo que máis pisa a área rival de todo o grupo, que o fai con máis asiduidade, pero non estamos todo o afortunados para o gol que quixésemos, aínda que tamén se xeramos é porque algo estamos a facer ben. En canto a goles, ao final, estamos coma o resto, pero ao acabar un partido sabes que tiveches moitas máis oportunidades que o resto.

Samu, no partido no Estadio Miramar. Foto: Amadeo Rey.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado