Samu: “No Vero Boquete temos que ser fortes dende o minuto un”

Dende a esquerda, Ramón Castro, David Dopazo, Samu Rodríguez e Miguel Fernández, portando as camisetas e os carteis do partido co patrocinio de A Rosaleda.

  • O mediocentro analizou a previa do encontro ante o Avilés na Cafetería A Rosaleda, o seu patrocinador e do duelo deste sábado

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

Dende as instalacións da Cafetería A Rosaleda, o seu patrocinador e do encontro deste sábado contra o Real Avilés Industrial, Samu Rodríguez analizou a previa do partidazo que se vivirá no Vero Boquete. Chega a Santiago un gran equipo, polo que o mediocentro, un dos capitáns, avoga por recuperar sensacións e imprimir un ritmo alto de xogo, sendo fortes dende o minuto un, como claves para sacar os tres puntos.

Ademais, o acto serviu para dar a coñecer a continuidade do establecemento da Rúa República Arxentina no proxecto branquiazul. “Pensamos que hai que apoiar ao deporte e, sobre todo, ao equipo da cidade, que é o Compostela. Agardamos que o equipo estea o máis arriba posible esta tempada”, apuntou o seu xerente, David Dopazo, quen se sente moi contento coa actuación de Samu no que vai de ano.

Declaracións destacadas.

Primeira derrota. De antemán, xa sabíamos que isto podía pasar. Pasou agora, contra un rival moi bo, no seu campo, onde non perdera nin lle meteran gol. Sabíamos que era complicado, perdemos e somos os primeiros autocríticos, pero é unha semana normal e dispostos a afrontar o partido do sábado coa mesma ilusión que sempre e a ganar no noso campo, que é o que necesitamos.

Encaixar tras empatar. Foi unha pena, porque fixemos o máis difícil cando encaixas fóra da casa, conseguir igualar, pero metéronnos aos poucos minutos e iso sempre che fai un pouco máis de dano.

O Avilés. Ten moitos xogadores contrastados na categoría, coñecémolos, Rodri xa nos deu pinceladas hoxe e mañá seguirá con lixeiros retoques. É un rival de entidade, está empatado a puntos cos que están de segundos e será moi complicado, a pesar de que veñan de perder 0-3.

Campos similares. Creo que non van a notar moita diferencia de xogar no seu campo ou no noso e iso pódelle axudar, ata certo punto, pero nós estamos moi acostumados a xogar no Vero Boquete e temos que ser fortes dende o minuto un, como en anteriores partidos. Non lles condicionará tanto, por estar afeitos a estas dimensións, pero intentaremos que lle sexa incómodo.

Claves para gañar. Temos que seguir na liña que vamos e na idea que temos, que é ser un equipo protagonista, que presione alto, que aperte, que faga estar incómodo ao rival constantemente e, sobre todo, que teña un ritmo alto de xogo. Na casa houbo moitos partidos que fomos quen de conseguilo, sobre todo a principio de tempada, e queremos recuperar esas sensacións.

Recuperar efectivos. Cantos máis esteamos, máis competitividade hai nos adestramentos e iso incrementa o ritmo dos partidos. Que haxa trocos e cantos máis podamos aportar, mellor. Iso vai axudar de cara aos partidos.

Rendemento persoal esta tempada. Estou moi a gusto, este ano puiden empezar a pretempada ben, como me gusta, sen ningún tipo de molestia e iso estase a notar. Por sorte e por traballo tamén, o míster está confiando en min, pero non hai que baixar os brazos, porque pode haber cambios en calquera momento. O tema está en poñerllo difícil para que non os haxa.

Un capitán. Dende que cheguei a aquí, considérome unha persoa de club, aportando ao equipo estea onde estea, pero se é dende o campo, moito mellor.

Diferencias entre Yago e Rodri. Hai diferenzas, porque son personalidades e adestradores diferentes. En todo caso, si que é certo que o tipo de adestramentos é moi similar, porque nos estaba indo ben e o propio Rodri estaba nese corpo técnico. É todo moi similar en como queremos xogar, pero os xogadores son diferentes e penso que Rodri se está adaptando ben a ese perfil de futbolistas que temos e está dando o seu toque persoal.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado