Samu: “Este é un encontro que todos queremos xogar”

Ana, responsable de comunicación de Los Ángeles Gas, e Samu.

Ana, responsable de comunicación de Los Ángeles Gas, e Samu.

  • O mediocentro valorou na previa ante o Bergantiños o inicio do campionato

Santiago de Compostela, a 12 de Setembro de 2019.

O capitán da SD Compostela Samu Rodríguez falou esta mañá, nas instalacións de Los Ángeles Gas no Polígono de Costa Vella, na previa do partidazo do domingo contra o Bergantiños. O mediocentro valorou o inicio do campionato e como chegan a este duelo, no que se enfrontarán dous vellos coñecidos, candidatos a todo nesta liga.

Estamos comezando pero, sen dúbida, é un partido duro, con dous equipos que loitaremos polo playoff até o final e que nos coñecemos moito. Son tres puntos coma o resto, pero este é un encontro que todos queremos xogar”, explicou na rolda de prensa.

Esa rivalidade xerada nas últimas campañas, que alimentou a ambos, leva a que este duelo sexa diferente. “É un encontro especial porque levamos tres anos loitando e sempre houbo moita competitividade, con resultados moi parellos e ademais que nos coñecemos os xogadores, sendo un alicerce máis”, asegurou.

Por iso, froito dese pasado, o mediocentro coñece de primeira man as características deste choque. “Non inflúe moito como ves, porque o único que queres é gañar. Eles seguro que non empezaron como lles gustaría, pero tiveron dous encontros fóra da casa, que este ano vai ser moi complicado sumar”, sinalou.

No que respecta aos branquiazuis, están contentos por como arrincou a liga, apostando que esta é a liña a seguir. “A nosa maneira de xogar é en campo rival, querendo ser verticais, e claro que nos gustaría ter máis acerto, pero somos os que máis goles a favor levamos”, destacou.

Neste sentido, avoga por persistir até derribar o arco rival, malia que hai outra faceta coa que se senten moi contentos. “Quizais o que mellor vexo este ano é o plano defensivo, porque estamos tendo moito balón, creando moito, pero non nos crean nada, mesmo en Cangas, que é un campo que é moi complicado. Estamos tendo un equilibrio que nos gusta, recuperando moi rápido o balón, polo que é un síntoma do que máis melloramos”, analizou ante os medios.

Nesa mellora tiveron moito que ver a chegada das novas fichaxes, algunhas moi coñecidas por Samu, así como a experiencia de pasadas tempadas. “A Baleato xa o coñecía de toda a vida e con Antas tiña relación, pero os que seguimos temos os conceptos adquiridos e eles adaptáronse moi rápido e iso nótase no nivel de xogo”, descubriu.

Precisamente, estes dous, cos que comparte posición, son antigos pupilos de Miguel Figueira, algo que se notará nas Eiroas. “Saben xogar neste tipo de terreos de xogos e de partidos. Eles tamén contan con Remeseiro, que lles da un plus, pero xa vimos en Cangas que sabemos xogar neste tipo de campos”, concluíu.

O acto tivo lugar nunha das estacións de servizo que ten a firma en Santiago e comarca, a cal mantén o seu apoio ao club unha tempada máis, ofrecendo un desconto para tódolos abonados. Deste modo, solicitando a tarxeta nas oficinas, optas á redución do prezo do combustible, sendo ademais acumulable con outras ofertas.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado