Salado: “Estou moi contento e agradecido ao club porque dende que cheguei todo foi moi fácil para min”

De esquerda a dereita: Fernando Leis, Antonio Salado e Yolanda Donet, no interior de O Pan de Leis da Avenida Romero Donallo.

  • O novo xogador da SD Compostela foi presentado nas instalacións de O Pan de Leis, o seu patrocinador oficial

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2021

Antonio Salado foi presentado esta tarde como novo xogador da SD Compostela nas instalacións de Romero Donallo de O Pan de Leis, o seu patrocinador oficial. O xogador vasco, que chegou a terras compostelás hai un mes, compartiu as súas primeiras impresións como futbolista branquiazul, destacando a fácil adaptación que está tendo ao club e á cidade.

O acto serviu tamén para presentar o novo patrocinio de O Pan de Leis (Avenida Romero Donallo 17, Rúa da Cruz de San Pedro 15 e Milladoiro -Rúa Pardiñeiros, 3-), establecemento que portará a súa imaxe na camiseta do extremo compostelanista. A firma compostelá súmase este ano ao proxecto da SD Compostela, demostrando o seu apoio e compromiso co traballo do club.

“Decidimos botar unha man ao Compos porque este patrocinio é moi importante para a empresa. Para nós é un orgullo estar no club, porque somos do Compos desde que nacemos. Ademais, levar o logo na camiseta de Salado permitiralle á xente coñecernos máis, polo que senta moi ben verse nela”, resaltou Fernando Leis, xerente de O Pan de Leis.

Durante a presentación de Antonio Salado, ademais do propio xogador, estiveron presentes Fernando Leis e Yolanda Donet, responsables da empresa, así como Ramón Castro, director das relacións institucionais do Compos.

Declaracións destacadas.

Primeiras semanas. A verdade é que a adaptación á cidade está a ser marabillosa. Estou moi a gusto con todo. Estes primeiros días foron de toma de contacto, xogamos dous amigables e as sensacións son boas, polo que temos gañas de que empece a liga.

A adaptación. Todo foi moi cómodo, moi fácil para min. É a primeira vez que saio da casa e non é fácil. Ao final, pasei toda a miña carreira deportiva en Bilbao, polo que tiña esa inquietude, pero os compañeiros e corpo técnico, así como o club, deixáronme as cousas moi fáciles, polo que estou moi contento e agradecidísimo.

Referencias. Falara con exxogadores do Compos e con outros compañeiros meus que tiñan contactos con xogadores de aquí e todos falábanme marabillas do club, polo que non me está a sorprender o que estou atopando.

Decisión de vir ao Compos. Pasei toda a miña carreira deportiva en Bilbao, gran parte dela no Athletic e este último ano no Portugalete, pero cando me chegou a oferta do Compos non dubidei en aceptala, porque as referencias que me chegaron foron boísimas.

Estilo de xogador. Creo que son un futbolista bastante combinativo, asóciome ben e achegarei traballo e compromiso en todo o meu xogo. Veño achegar o máximo que poida e axudar ao equipo.

Obxectivos individuais. Persoalmente, veño achegar todo o que poida ao equipo. A nivel individual, pretendo acabar como un mellor xogador e, obviamente, se se pode lograr o ascenso, benvido sexa.

Nivel do equipo. O equipo ten moito potencial, o míster ten claro o que quere e creo que é un bo ano para tentar subir a esa categoría nova que se creou.

Nivel ofensivo do plantel. Comentáronme que o ano pasado unha das faltas do equipo era ese gol ou último pase. Creo que o equipo está capacitado para facer goles, a forma de xogo é de chegar moitas veces á área, pero despois sempre está esa pequena sorte que hai que ter para marcar. Confiaremos nela e creo que os goles chegarán.

Preparación física. O estado físico do equipo véxoo moi ben. O traballo dos preparadores físicos é moi bo, moi profesional e creo que o equipo vai chegar ao principio de liga, e sobre todo ao final de tempada, da mellor forma posible. Ao final, no fútbol de hoxe en día iguálase todo tanto que a forma física fai moito.

Segunda RFEF. Creo que a Segunda RFEF será unha categoría esixente. Os equipos que temos no grupo van esixir o máximo, polo que será unha Segunda B diferente, pero moi bonita. Todos os equipos teñen moi bos xogadores, hai clubs moi ben traballados e a esixencia será máxima.

Instalacións do club. As instalacións que ten o club son unha pasada. É difícil atopar un campo de adestramento tan bo nun equipo de Segunda B e adestrar todos os días en céspede natural, que é o que nos imos a atopar a fin de semana na nosa casa, non ten prezo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado