Rubén Freire: “O meu avó tocou o himno do Compos”

Santiago de Compostela, a 5 de Marzo de 2021.

Durmet estréase esta tempada como patrocinador do equipo e do partido desta semana no Vero Boquete contra o Celta de Vigo B con gañas de axudar ao equipo a ascender de categoría e manter a ilusión.

Cal é a súa actividade?

Dedicámonos, dende o ano 1998, ao mundo do descanso; é dicir, comprar e vender colchóns. Hai 5 anos fixémonos con esta fábrica de colchóns en Ordes. Fabricámolos e distribuímolos por toda España e Portugal.

Que lles levou a patrocinar ao equipo?

Somos de Santiago e sempre se intenta axudar na medida do posible ao equipo local. Este ano, ao ascender, ademais, sempre se xera unha ilusión, e decidímonos a colaborar un pouco.

Que lle aporta á súa empresa patrocinar a un equipo de fútbol como o Compostela?

Fundamentalmente a visibilidade, poder darse a coñecer como empresa e devolverlle un pouco á cidade da que es. Se ao Compos lle van indo ben as cousas, como ata agora, é unha alegría para toda a xente de Santiago, é bo para todos.

Cal é a súa relación co deporte en xeral e a SD Compostela en particular?

Eu xoguei ao fútbol toda a miña vida e son de Santiago. Nacín no 1994, o ano no que ascendemos á Primeira División. Sen ir máis lonxe, o himno que sona cada domingo no campo, unha das persoas que o tocou é o meu avó, que estivo na Orquestra Compostela. Teño tamén relación con algún dos xogadores, xa que Juampa e máis eu estudamos xuntos toda a E.S.O.

Un desexo para esta tempada.

Ascender, se é posible; se non, seguir xogando tan ben como ata agora.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado