Roque: “Fichar polo Compos foi unha das mellores decisións que tomei”

  • O defensa xuvenil valora moi positivamente o seu primeiro ano no club, destacando a súa ampla presenza no primeiro equipo

Santiago de Compostela, a 29 de Abril de 2021.

No seu primeiro ano no club, o seu último como xuvenil, Roque González está a gozar dunha gran tempada. O defensa branquiazul ha despuntado na defensa do Xuvenil A, tanto de central como de lateral, un rendemento que lle serviu para contar coa confianza de Yago Iglesias, quen tira del, semana tras semana, para adestrar co primeiro equipo, ademais de entrar nalgunha convocatoria e xogar algún amigable. Por todo iso, Roque destaca que fichar polo Compos “foi unha das mellores decisións que tomei”.

Como estás a vivir esta tempada, a túa primeira no club?

A verdade é que incrible, en todos os aspectos, non me imaxinaba que sería así antes de vir aquí.

Cando fichaches aquí, agardabas contar con tanta presenza no primeiro equipo?

Ao principio pois non me esperaba tanto, igual ir adestrar algunha que outra vez co primeiro equipo, pero pouco máis.

Como valoras a cantidade de adestramentos acumulados ás ordes de Yago Iglesias?

Valóroo dunha forma incrible, tanto a nivel futbolístico como a nivel persoal.

 Aprecias que che están axudando a mellorar como futbolista?

Si, bastante a verdade. Grazas a iso dei un cambio na miña forma de xogar.

Ves preto a oportunidade de poder debutar co equipo en partido oficial?

Está complicado porque hai moi bos xogadores na miña posición, pero teño que seguir traballando e seguro que chega.

Que leccións estás a aprender dos xogadores cos que compartes posición e que destacarías deles?

Estou a aprender moitas cousas, en todos os aspectos, xa sexan futbolísticos ou da vida. Deles destaco o seu liderado e compromiso co equipo, sen dúbida, unha das virtudes que destacaría de todos.

Á hora de competir cada fin de semana co Xuvenil, nótase que o nivel físico esixido no primeiro equipo axúdache a estar mellor no campo?

Por suposto, nótase cando levas adestrando tanto tempo co primeiro equipo e o teu corpo adáptase. Ao xogar con xuvenís despois, nótome mellor fisicamente e polo campo.

Falando do xuvenil, que suporía para ti lograr ese ascenso?

Suporía unha tolemia, a verdade, tanto para nós, os xogadores, que agora mesmo ansiámolo e estámolo pelexando ata o final, como para o club, que dá ese salto de honra e prestixio no fútbol base.

Facendo un balance, consideras que foi un acerto regresar a casa e fichar polo Compos?

Se, a verdade, foi unha das mellores decisións que tomei. Grazas a isto estou a crecer moito como futbolista e como persoa, e síntome como na casa a verdade, dende o principio sentinme moi a gusto e moi cómodo.

Por último, que obxectivos te marcas para a tempada que vén?

Gustaríame continuar no Compos, no primeiro equipo, xa que este é o meu último ano de xuvenís, e xogar o máximo posible se quedo, pero o meu futuro está por decidir.

Roque, nun adestramento do primeiro equipo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado