Rodri Veiga, novo adestrador da SD Compostela

  • O técnico do Barco de Valdeorras, tras cinco anos de segundo de Yago Iglesias, convértese na cabeza visible do proxecto branquiazul

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

Rodrigo Veiga Alonso, “Rodri”, é o novo adestrador da SD Compostela. O técnico do Barco de Valdeorras, que actuou como segundo de Yago Iglesias nas pasadas cinco campañas, afronta o reto de guiar o proxecto da SD Compostela na Segunda RFEF.

Para Rodri, esta será a primeira experiencia como máximo responsable dun corpo técnico, debido a que deu o salto aos bancos, precisamente, coa chamada da SD Compostela e Yago Iglesias, no verán de 2016.

Tras cinco tempadas exitosas traballando de xeito conxunto con Yago, agora tomará as rendas do proxecto para continuar e manter esas sólidas bases que se marcou o club fai xa cinco veráns, as cales lle permitiron asentarse como un dos conxuntos de referencia da comunidade.

Por tanto, á fronte da nave estará unha persoa que coñece moi ben a casa, xa non só como adestrador, con 178 partidos sendo a man dereita de Yago Iglesias (catro deles actuando como primeiro técnico), senón tamén como xogador, xa que Rodri chegou á disciplina branquiazul para xogar no Xuvenil de División de Honra e acabaríase quedando oito campañas máis, catro no filial e outras catro no Primeiro Equipo, formando parte dun Compos que militou dous cursos en Segunda División A e outros dous en Segunda División B.

Co “si” de Rodri, a SD Compostela ponse en marcha para a nova tempada 2021/22, unha campaña na que o equipo seguirá co seu ilusionante camiño na Segunda RFEF.

Nos próximos días e semanas daranse a coñecer o resto dos integrantes deste novo corpo técnico, así como os xogadores que formarán parte dun plantel que buscará, con ilusión e sacrificio, seguir crecendo no fútbol nacional.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado