Roberto Baleato: “Temos que ir coas orellas de punta, como se fose a nosa última bala”

  • O mediocentro destaca que a clave para sacar a vitoria de Guijuelo pasa porque cada xogador aumente o nivel de competitividade noutros contextos

Santiago de Compostela, a 3 de febreiro de 2021.

Roberto Baleato volverá este sábado a un campo que coñece moi ben, o Estadio Luis Ramos, do seu pasado en Segunda B. Polo tanto, o mediocentro avoga por intentar facer o xogo propio do Compos alí, sendo clave aumentar o nivel de competitividade individual. Así, destaca que teñen que ir “coas orellas de punta, como se fose a última bala”.

Clasificación do rival. É unha situación un pouco estraña, por como está a competición polos partidos que se perderon. Seguramente non reflexe a situación na que estean cando os recuperen, entón, non podemos mirar moito a clasificación polo desfase de encontros.

O céspede do Luis Ramos. Con respecto ao campo, as veces que fun alí nunca me atopei cómodo. Fun co Somozas e sempre foi un encontro incomodísimo. Quizais o céspede artificial sexa un pouco anterior ao do Unionistas, pero eles alí xogan ben, despregando un xogo combinativo. Non sei se poderemos facer o noso xogo alí, pero vamos a intentalo e intentaremos que saia ben.

Adaptarse a artificial. A superficie é diferente, o bote será máis vivo, o que incomoda un pouco para esas combinacións longas que facemos sempre, pero tampouco creo que renunciar ao que nos está dando froito ata o de agora, sexa a opción correcta. Teremos que adaptarnos, pero tamén estamos adestrando en Santa Isabel para coller sensacións e ver ata que punto podemos facer o de sempre, ou temos que adaptar pequenas cousas. Como o noso campo non vai a ser, porque San Lázaro está sempre espectacular, pero vamos a intentar facer o noso, que é o que nos permitiu estar onde estamos.

Cambio de contexto. O contexto sempre cambia e complícanos polo maneira de xogar. Penso que temos que facer todos algo de autocrítica e intentar mellorar o noso rendemento noutras superficies, como en artificial ou nun campo que non está para xogar. Temos que despregar outras alternativas e aumentar o nivel de competitividade noutros contextos. Adestrar en Santa Isabel axúdanos, pero, sobre todo, a clave pasa porque todos a nivel individual aumentemos ese nivel e ser quen de adaptarnos a outras condicións que non sexan as de San Lázaro, que son as ideais.

Alternativa á baixa de Pablo Antas. A baixa de Pablo é significativa, un pouco tamén na posición na que o míster conta comigo habitualmente. Ata o de agora, entrar estivo moi complicado, porque todos estiveron rendendo a un nivel moi alto, pero os que estamos aí estamos agardando para, cando chegue a oportunidade, intentar render o mellor posible e axudar ao equipo. Coa súa baixa, máis posibilidades para entrar creo que hai, pero agardo que o que teña que entrar o faga ben, axude ao equipo e que non se note a baixa de Antas, que está a facer un ano espectacular.

Situación clasificatoria actual. Cada semana hai cambios na clasificación pola igualdade que hai. Ata o de agora vimos facendo un bo ano, cumprindo o que nos marcamos nun principio, pero queda a parte máis importante, queda consumar esas boas sensacións e ese bo xogo co obxectivo cumprido. Temos que manter o nivel e mesmo subilo, porque nos últimos encontros da primeira fase todos van a subir o nivel para cumprir as súas metas. Vamos a manter a calma, traballar e intentar sacar os máximos puntos posibles para seguir aí e non entrar nesas posicións de perigo.

Importancia da visita ao Guijuelo. É un partido súperimportante, porque son equipos que estarán na pelexa por salvarse e temos que gañarlles, meter goalaverage e sumar todo o que poidamos. A situación para o Guijuelo agora mesmo é un pouco complicada, polos partidos que ten atrasados e a posición na clasificación, e sempre xogas con máis ansiedade. Con todo, nós non podemos caer na trampa de pensar que non van a facer nada, porque son un equipo que xa nos demostrou que pode render a un alto nivel. Vén dunha situación complicada, sen xogar durante unhas semanas, pero xa demostraron que foron quen de plantarlle cara ao Salamanca, así que temos que ir alí coas orellas de punta, como se fose a nosa última bala, e intentar sacar todo o posible de alá.

Exemplo da primeira volta. O partido da primeira volta serve para coñecer ao rival e como se comporta, pero creo que vai a ser un contexto moi diferente. Nesta categoría, nos equipos hai moitas diferenzas entre xogar na casa ou fóra, pero no corpo técnico hai xente que se dedica a estudar aos rivais e supoño que farían un estudo amplo sobre o Guijuelo na casa, aínda que agora teñen novas incorporacións e hai que ver tamén como se adaptan ao plan do equipo. Entre hoxe e mañá explicarannos como son a nivel táctico e as súas fortalezas e debilidades, para coñecer as diferenzas que hai entre cando xogan na casa e fóra, que estou seguro de que as haberá.

Nivel de confianza. A diferenza é que foron vitorias. Houbo momentos nos que o equipo estivo rendendo moi ben e a confianza era alta, pero quedabámonos no empate contra equipos chamados a estar arriba. O de non gañar restáballe importancia a xente, pero de portas para dentro sabemos que se facemos o noso traballo podemos competir contra todos e o momento de confianza agora mesmo está polos puntos, porque caeu a vitoria, pero sempre foi alta.

Traballando cos pés na terra. Somos bastante realistas. Fai dúas semanas estabamos volvendo de Salamanca cun 3-0 en contra e en descenso, polo que tampouco temos que perder a cabeza. O obxectivo a principio de tempada era ser o equipo revelación e salvar a categoría, e niso estamos. O que poida vir despois, xa o veremos. Pero realmente, cos puntos que temos e na posición na que estamos, unha derrota vólvete a poñer en posición de dúbida, polo que tampouco vamos a perder a cabeza con iso.

Sumar os máximos puntos posibles. Tanto o partido do Coruxo coma este son moi importantes e sumar os tres daríanos un empuxón de puntos moi grande. As distancias son moi curtas, polo que no caso de gañar este partido, tampouco creo que nos dea opción a pensar noutras cousas. Si que é verdade que nos daría tranquilidade, pero dentro de catro semanas, se seguimos nesta liña, poderemos ver onde estamos. A día de hoxe, o que nos levará a estar arriba é intentar conseguir os máximos puntos posibles para salvarnos. Todo parte por cumprir o obxectivo de salvar a categoría o antes posible.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado