Riki Mangana, polivalencia para a defensa da SD Compostela

  • Chega procedente da Cultural Leonesa e firma por unha tempada

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2022

Ricardo Enrique Mangana Barbera (22/09/99, Caracas), máis coñecido no mundo do fútbol como Riki Mangana, é novo xogador da SD Compostela para a Tempada 2022/23. O polivalente defensor, con experiencia no fútbol nacional e galego, chega desde a Cultural Leonesa, onde xogou o pasado ano en Primeira Federación, e firma por unha campaña.

A pesar de que a súa posición natural é a de lateral dereito, Riki pódese desempeñar tamén no carril esquerdo, así como de central. Á súa polivalencia, engade tamén unhas grandes calidades defensivas e capacidade para proxectarse en ataque.

Formado no fútbol base vigués, con paso polo Coruxo, Val Miñor e Celta, Riki Mangana comezou a súa carreira deportiva como sénior, precisamente, no filial celeste, con dúas tempadas e media nas que sumou 35 encontros. De Vigo, no mercado invernal do 2019, marchouse cedido ao Guijuelo, cos que disputaría catro partidos.

De volta no filial celeste, disputaría outros tres encontros na primeira volta da campaña 20/21, marchándose ao Coruxo en xaneiro, onde adquiriu maior protagonismo, xogando once encontros.

O verán pasado ficharía na Cultural Leonesa, de Primeira RFEF, onde tivo un gran papel. Pechou o curso con 28 partidos xogados (dous de Copa do Rey), 16 deles partindo no once inicial. En total, máis de 1.700 minutos disputados co cadro leonés.

Aos seus 22 anos, acumula oitenta partidos entre Segunda B, Primeira Federación e Copa do Rey, cifras que tentará ampliar como futbolista branquiazul. Ademais, conta tamén con oito internacionalidades coa selección de Venezuela Sub-20.

Tras pechar a súa incorporación, a SD Compostela conta agora con dezanove xogadores no plantel: Pato Guillén, Borja Rey, Roque, Riki Mangana, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián Canedo, Martín Salvador, Pablo Antas, Samu, Mario, Fer Beltrán, Jordan, Mario Rodríguez, Elliot, Cano, Parapar, Darío e Allyson.

Tras pasar o recoñecemento médico, o novo defensor branquiazul sumarase aos adestramentos do equipo o vindeiro martes.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado