Riki Mangana: “Pode ser un partido bonito para coller confianza e crer aínda máis en nós”

Miguel Fernández, Jessica Fabeiro e Riki Mangana, nas instalacións do centro estético.

  • O lateral foi presentado nas instalacións de Jessica Fabeiro, o seu patrocinador oficial e do partido ante o Guijuelo

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022

Riki Mangana foi presentado esta mañá como novo xogador da SD Compostela nas instalacións de Jessica Fabeiro, o seu patrocinador oficial e do encontro deste domingo contra o Guijuelo. O lateral, nas súas primeiras declaracións para o club, analizou a vitoria en Zamora, apuntou as claves para o duelo contra o líder e remarcou o a gusto que se atopa desde a súa chegada ao Compos.

Volta ao Vero Boquete trala vitoria. É o líder, están a ter unha moi boa xeira de resultados, sobre todo cos goles en contra, que non recibiron, pero chegamos con confianza alta. Conseguimos un 0-3 nun campo complicado, aínda que ao rival non lle estea indo do todo ben, e cunha motivación extra de facerlles que encaixen o seu primeiro gol.

Cambio no rendemento. Fixemos un cambio, o míster viu outras posibilidades e parece que nos foi para ben, conseguimos un resultado bo e cómodo. A afección necesita confianza porque contra o Langreo, un rival ao que non lle ían as cousas moi ben, non sacamos nada positivo, sobre todo despois das sensacións do partido. Imos con gañas porque pode ser unha semana bonita.

Como marcarlle gol ao Guijuelo. Tampouco quero dar demasiada información, pero estamos a traballar niso. Sabemos que é un equipo complicado, que sabe defender ben en campos grandes, aínda que non teña o balón, pero estamos a traballar para estar listos e preparados o día de partido, así como sacarlle rendemento ao xogo.

Atención aos pequenos detalles. Eles están a demostrar os bos partidos que están a facer, non só coas porterías a cero, por iso van líderes. Será un partido de equipos grandes da categoría, que pode marcar un antes e un despois, tanto a curto como a longo prazo, polo que será un partido moi importante no que non te podes despistar. Vendo os seus resultados tan curtos, un mínimo descoido pode decantar a balanza a un lado ou ao outro. En todos os partidos, pero neste haberá que ter unha especial atención aos balóns parados, segundos balóns e todo.

Importancia da vitoria. Engadíndolle que nos enfrontamos ao líder e que aínda non encaixaron gol, de conseguir os tres puntos será porque metemos gol. Sería un punto de motivación bonito, polo que pode ser un partido e un fin de semana bonito para coller confianza e crer aínda máis en nós.

Rendemento persoal. Até agora atópome ben. Os compañeiros e o corpo técnico fixéronme sentir como na casa. Considero que temos un grupo excelente, con xente moi próxima e iso facilitoume moito as cousas. Aínda estou a coller o ritmo, porque ao non ter pretempada vas aos poucos, pero estou a atoparme moi cómodo no campo e estou moi moi contento.

 

Compartir en Redes Sociales

Relacionado