Reunión telemática da SD Compostela para analizar a situación actual

  • Xogadores, corpo técnico e xunta directiva concordan en dar prioridade á seguridade sanitaria, pero consideran que se debe primar a clasificación

Santiago de Compostela, ao 24 de abril de 2020.

Os xogadores, o corpo técnico, o doutor, o fisioterapeuta, o director deportivo e a xunta directiva da SD Compostela tiveron na tarde de onte unha reunión telemática para analizar a situación actual provocada pola pandemia mundial da covid-19. Nela, mostrando a gran unidade que impera entre todos os estamentos, concordaron en que hai que dar prioridade á seguridade sanitaria, pero que tamén se debe primar a clasificación.

No encontro online, no que a directiva mostrou o seu total respaldo ao plantel, chegaron á conclusión de que o primordial é non correr riscos para a saúde e que, a partir de aí, entenden que se debe ter en conta a posición na táboa, cos privilexios que marca a norma para os primeiros clasificados. Con todo, non esperan noticias federativas ata a segunda semana de maio.

O primeiro en tomar a palabra nesta conferencia foi o presidente Antonio Quinteiro, quen fixo fincapé na crise sanitaria que estamos a vivir, así como nas dificultades económicas ás que está abocada tanto o club como o deporte afeccionado en xeral. Ademais, trasladou o seu ánimo ao plantel e o seu desexo de que se poida ascender ao final da tempada.

Posteriormente, tocoulle a quenda ao vicepresidente, Javier García, quen realizou un resumo da posición da Federación Galega de Fútbol, que defende o playoff exprés cos catro primeiros clasificados, e do que pode pasar ata o 30 de xuño.

En terceiro termo, tomou a palabra Yago Iglesias para destacar a espectacular campaña do equipo ata o parón, lembrando que os números que están aí e salientando que sería unha pena que co 70 % da competición xa celebrado non se puidese ascender. Remarcou que se debería respectar dalgunha forma ese primeiro posto e que, desde o punto de visita deportivo, aínda que sería difícil retomar a competición, daríano todo para lograr o obxectivo.

A seguir, o doutor Marque analizou as dificultades que teñen as autoridades sanitarias para programar o futuro, debido aos cambios que xera este virus. Ademais, aínda que é complicado facer unha predición, sinalou a importancia de que o equipo estea preparado por se houbese que adestrar a principios de xuño.

Nesa mesma liña, o director deportivo Manuel Castiñeiras indicou as complicacións que terán os conxuntos de Terceira División para a volta aos terreos de xogo, xa que ve inviable un protocolo como o que terán os xogadores profesionais. Por iso, comentando que se teñen que xogar, farano, espera que se prime a saúde.

Por último, abriuse unha rolda de preguntas para os xogadores na que Álvaro Casas, como capitán do plantel, levou a voz cantante. En resumo, todos teñen a inquietude de se se vai a xogar ou non e de se se vai a ascender ou non. Mentres tanto, séguense adestrando nas súas casas coas pautas marcadas polo preparador físico Álex Otero.

Esperando por tanto as decisións dos entes nacionais, o club ten claro que o ano próximo competirá onde sexa, pero consideran que deben prevalecer os resultados deportivos ata a data. Así, agardando a que se saiba se hai fútbol ou non, non se tomará ningunha decisión nin tampouco se realizará ningunha planificación deportiva para a tempada vindeira.

Debido ao éxito deste encontro, o club repetirá esta reunión cando saiban algo máis ao respecto. A maiores, a semana próxima tocaralle a quenda á base, nunha reunión que realizarán coa dirección deportiva.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado