Reunión da SD Compostela para preparar o reinicio da tempada

  • Xunta directiva, director deportivo, servizos médicos e corpo técnico aclararon dúbidas sobre a volta á competición

Santiago de Compostela, a 16 de Maio de 2020.

A xunta directiva, director deportivo, servizos médicos e corpo técnico da SD Compostela realizaron esta mañá unha reunión telemática para preparar o reinicio da tempada e a disputa do playoff  exprés. Todos eles aclararon as dúbidas sobre a volta á competición e as posibles medidas a seguir.

Desde que se declarou o estado de alarma, o plantel do Compos estivo realizando adestramentos individualizados nos seus fogares, dirixidos polo preparador físico Álex Otero, un traballo que pronto se trasladará ao terreo de xogo. Na videoconferencia, mencionouse como data de volta aproximada aos adestramentos a semana do 8 ao 15 de xuño, a cal sería en grupos reducidos.

Antes de que chegue ese momento, a semana próxima o club contactará co  Concello de Santiago para coñecer a dispoñibilidade das instalacións deportivas para poder levar a cabo os adestramentos preparatorios da segunda fase da liga.

Ademais, os participantes nesta reunión valoraron tamén a redacción dun protocolo de actuación para este regreso ao campo. Por iso, a entidade está á espera de que se defina con exactitude o protocolo sanitario a seguir para coidar ao detalle a saúde de todos os seus membros (realización de test, illamento a través de concentracións, procesos de desinfección de instalacións…).

Así mesmo, co obxectivo de preparar as bases para a volta á nova normalidade, a xunta directiva terá, a próxima semana, un encontro virtual cos capitáns do primeiro equipo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado