Reparto de puntos nun gran derbi no fortín

Momento do gol de Escudero chegando dende atrás. Foto: Amadeo Rey.

  • A SD Compostela gozou de grandes oportunidades, sobre todo no primeiro tempo, pero non puido pasar do empate

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2021

O derbi entre SD Compostela e Bergantiños no Vero Boquete acabou en empate. Suman un novo punto os branquiazuis que hoxe gozaron de grandes oportunidades, especialmente na primeira metade, pero a contenda non se moveu do 1-1.

No partido, Escudero estreou o marcador, e o seu marcador de tantos da tempada, no primeiro acto, nunha gran contra, pero Remeseiro, tras numerosas ocasións locais, empatou dende o punto de penalti, no 54.

Baixo unha intensa cortina de choiva, a SD Compostela regresou ao Vero Boquete para disputar un gran derbi, un encontro clásico contra o Bergantiños para tentar volver á senda da vitoria. Co mesmo once inicial que en Madrid, os branquiazuis saíron dominando, avisando desde os primeiros minutos.

Aos catro minutos, un córner peiteado ao segundo pau, quedou para Pablo Antas, quen controlou con comodidade e armou un disparo que se marchou ao lateral da rede. E no vinte e dous, trala lesión de Fer Beltrán, a oportunidade foi para Salado, quen rematou cruzado de cabeza un bo centro ao segundo pau de Rafa Mella.

Non foi á primeira, tampouco á segunda, pero si á terceira, no 29, cando o Compos acabou mandando o balón á rede. Controlouna Escudero na banda, deixouna para Primo e o ariete cántabro mandouna perfecta ao espazo para a carreira do extremo valisoletano, quen gañou en velocidade á defensa e definiu á perfección ante Canedo coa zurda.

Tralo tanto, os nosos foron a máis e tiveron claras opcións de anotar o segundo. Primeiro tívoa Rafa Mella, nun balón solto, pero o seu golpeo desde a frontal marchouse escorado. Despois a opción foi para Primo, pero o dianteiro rematou mal no man a man, tras unha gran contra con centro raso do propio Rafa Mella. E por último, Jordan estivo a piques de roubar un pase a Canedo, pero o seu toque de cabeza marchouse pola liña de fondo.

Aínda así, a última do primeiro tempo foi para un Bergan que na súa primeira chegada rozou o tanto cun testarazo de Brunet, chegando desde atrás, pero o remate marchouse pegado ao pau. Por tanto, chegouse ao descanso coa vantaxe local.

Á volta dos vestiarios, os branquiazuis volveron saír moi enchufados e aos trinta segundos volveron ter unha opción clarísima, esta vez nas botas de Escudeiro, quen armou un disparo potentísimo coa zurda que se estrelou na cruceta da meta de Canedo.

Con todo, a estratexia de tirarse con todo arriba dos de Carballo, xogando sen laterais, saíulle a perfección porque no 52, atoparon un espazo na banda para a carreira de Escobar, quen a puxo ao centro para Cano, pero este, cando ía armar o golpeo, foi trabado por Matías, penalti. Dende os once metros, Remeseiro enganou a Pato e puxo as táboas.

Co paso dos minutos e os continuos cambios, a contenda igualouse e cada vez era máis complicado chegar ás áreas. Inquietaron os visitantes, cun remate en semierro de Uxío, mentres que polo bando local rozouse o gol nun centro de Parapar, que entrou dende o banco, tocado por un defensor e marchouse por pouco. E no córner, Guille non foi quen de atopar a rede.

E a última, no 87, volveu ser para os branquiazuis, nas botas de novo de Parapar, quen conseguiu o espazo na banda, penetrou ata o corazón da área, pero o seu disparo coa destra sacouno cos pés Canedo.

O marcador xa non se moveu e o derbi acabou con empate 1-1, repartíndose os puntos entre SD Compostela e Bergantiños. Os nosos seguen sen perder, conseguen a súa segunda igualada consecutiva e loitarán por regresar á senda triunfal o próximo fin de semana nun novo derbi ante o Arenteiro.

FICHA TÉCNICA:

1- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Matías (Samu, m.77), Salado; Pablo Antas; Rafa Mella (Parapar, m.55), Fer Beltrán (Jordan, m.16 (Guille Torres, m.77)), Josiño, Escudero; e Primo (Pablo Durán, m.77).

1- BERGANTIÑOS CF: Santi Canedo; Blas (Yelco, m.46), Parga (Brais M., m.64), Agulló, Aarón (Carlos, m.46); Antón Concheiro, Chapu Brunet, Remeseiro; Cano, Martín Lamelas (Cavafe, m.64) e Escobar (Uxío,.69).

GOLES: 1-0: Escudero, min.29; 1-1: Remeseiro (p.), min.54.

Árbitro: Figueirido Comesaña (Galicia). Amoestou a Josiño, Matías e Jordan, polo Compos; e a Aarón, Escobar, Cano e Remeseiro, polo Bergantiños.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Xornada 5 de Liga da Segunda RFEF disputado ante 1.000 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado