Regreso ao traballo con ilusión e optimismo

Novas fichaxes, a falta de que se incorpore David Soto.

Novas fichaxes, a falta de que se incorpore David Soto.

  • O campo de San Lázaro II acolleu onte o primeiro adestramento da pretempada

Santiago de Compostela, a 16 de Xullo de 2019.

A SD Compostela 2019/20 botou onte a andar no campo anexo ao Estadio Vero Boquete de San Lázaro. 43 días despois da fatídica eliminación, o novo Compos regresou ao traballo no mesmo día no que se sorteaba o calendario de Segunda B, quizais un sinal que marca o destino final do camiño que emprende a entidade este curso.

Os dezanove futbolistas do novo plantel, agás David Soto, que se incorpora o mércores, presentáronse ante os seus compañeiros antes de arrincar unha ilusionante pretempada. “Démoslle a benvida aos novos e aos que continúan, deixamos establecidas unhas pautas iniciais e explicamos como será a semana e como traballaremos”, explicou Yago Iglesias antes de arrincar a primeira sesión de adestramentos.

Neste período estival, os branquiazuis estarán acompañados tamén por seis integrantes da ampla base do club. Pedro Leis, do Zona Vella, e Álex Díaz, Yoseban Montoto, Manu Rial, Cristian Fernández e Andrés López, do xuvenil, axudarán ao corpo técnico nos adestramentos e amigables, achegando o seu traballo ao grupo e demostrando tamén as súas calidades.

Estas caras completarán a un plantel do gusto do adestrador, quen se sente satisfeito polo conseguido na dirección deportiva. “O día un sempre tes que estar satisfeito. Estamos moi ilusionados con esta nova tempada, porque se somos capaces de darlle variantes ao equipo e seguir crecendo a nivel colectivo, os futbolistas que chegaron axudarannos a crecer moito”, detallou o técnico.

A pesar das complicacións que se podían presaxiar, finalmente chegaron os futbolistas desexados. “Falabamos na miña presentación de que sería complicado polo tema económico, pero semella que xurdiu efecto o feito de que sexa un club que ten outras cousas. Todos fixemos un esforzo, tendo claro o que queriamos e aquí están”, asegurou.

Nesta mesma liña expresouse o presidente Antonio Quinteiro, quen encomiou o labor de Manu Castiñeiras neste parón estival. “Encomendóuselle a configuración do plantel e agardamos que os resultados se vexan ao final. Debemos estar todos contentos, e desde logo que a directiva o está, porque realizou un gran traballo. Puido traer a xogadores co perfil que quería o corpo técnico, contrastados en Terceira e en Segunda B, e agora hai que esperar que isto resulte”, destacou o dirixente.

Ese perfil do que tanto se falou, segundo Yago, cúmprese coas novas fichaxes. “O que fichamos facémolo pensando que é o mellor para as nosas características e o que queremos facer, en base á nosa identidade de xogo. Puidemos acceder ao que realmente queriamos e o que nos queda é sacarlle rendemento e ver que de verdade encaixan na nosa idea”, sinalou o adestrador.

Todos eles seguen mantendo a esencia do proxecto branquiazul. “Seguimos coa idea de xogadores polivalentes, que nos dean velocidade ao xogo. Fichamos xente de calidade e que se os poñemos en contextos beneficiosos para eles, aseguraremos que a maxia siga en San Lázaro”, testemuñou.

Para que iso sexa así, Quinteiro avoga pola prudencia, malia que confía no traballo dos mozos e apoiaraos para ter un final feliz. “Esperamos que nos respecten as lesións e esa sorte que nos faltou nos dous últimos playoff nos acompañe, nun principio, en toda a tempada, e despois deus dirá na promoción”, expresou.

Con todo, aínda que asegurou que o traballo da directiva pasa agora en cumprir os compromisos co corpo técnico, xogadores e, sobre todo, as empresas que nos apoian, estando atentos ás necesidades que poidan ter, tamén sinalou o que agarda da afección. “A afección, co seu apoio, debe esixirlle o máximo rendemento a partir de agora”, matizou.

Así, con este plantel curto, co obxectivo de que todos xoguen e participen ao longo do ano, arríncase a campaña con moita ilusión. Con todo, o dirixente non descarta algunha incorporación para o Nadal, se fose necesario, malia que para iso necesítase o apoio e axuda do tecido empresarial.

Antes de todo iso, toca coller o punto de forma cos adestramentos, os exercicios preparatorios e os partidos, o primeiro deles mañá mesmo, ante o GD Chaves da Segunda Portuguesa, no XIX Trofeo Municipio de Melgaço. Comeza deste xeito o camiño á Segunda B.

Pretemporada 19-20 1

Compartir en Redes Sociales

Relacionado