Recuperar sensacións e a senda triunfal

  • Rodri quere que a SD Compostela desenvolva o plan de partido preparado con moita ambición e humildade

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

A SD Compostela mídese este sábado ao Palencia Cristo Atlético, no Estadio Nueva Balastera, co obxectivo de recuperar sensacións e de regresar á senda triunfal. Os nosos volven á estrada para encarar un duelo complicado, pero confían en que o plan de partido preparado dea resultado.

Buscando sacar o encontro adiante, os branquiazuis irán con moita ambición e, sobre todo, moita humildade, para superar, como na primeira volta, ao cadro palentino.

Declaracións destacadas.

Estado do plantel. Está descartado Pablo Antas, que segue recuperándose do problema no xeonllo, e Fer Beltrán pola expulsión. Ademais, estamos pendentes de Escudero e Pablo Durán, que ata última hora non saberemos se podemos contar con eles. Mañá viaxamos e antes de partir tomaremos unha decisión.

Pablo Antas. Puxéronse uns prazos, pero segue tendo molestias fortes e non é algo que poida dicir moito máis, porque é un tema médico. En principio, está descartado totalmente, porque non está a adestrar co grupo. Esperamos que se poida recuperar canto antes porque é un futbolista importante para nós.

Inactividade. Espero que cada vez se note menos. O outro día funme contento, sobre todo, polo resultado, pero non tanto polo xogo, en especial na primeira parte, na que cometemos erros moi parvos. Quero achacalo á inactividade, porque non estivemos todo o fino que nos gustaría, pero espero e entendo que despois de seguir adestrando e competir un partido, o equipo irá a máis e volverá ao nivel de antes de Nadal. Desexo que o equipo compita como sabe contra un rival que nos poñerá as cousas moi difíciles.

Resultado enganoso da primeira volta. É un rival que practica o xogo combinativo a un nivel altísimo, porque o fai moi ben. Asume moitos riscos atrás, pero son quen de sacar a pelota aínda que lle vaias a apertar, e despois é moi vertical, porque ten futbolistas arriba que no momento que collen a pelota toman dirección cara á portería. O 3-0 da primeira volta é un resultado enganoso, porque exhibimos moita pegada e eles por momentos foron dominadores da pelota, que non do partido. Nese partido, nós xogamos ben, eles máis bonito. Entendo que o plan será o mesmo: un equipo que queira ter a pelota, máis na súa casa, e que nos tentará meter en apertos. Deseñamos un plan de partido e imos tentar desenvolvelo con moita ambición e sobre todo moita humildade, para tentar traer algo positivo de Palencia.

Nueva Balastera. Un campo moi complicado. Dimensións amplísimas, que favorece a idea que desenvolven e fixéronse fortes na casa. Cando xogan na casa ou fóra, polos números, parecen dous equipos distintos. Para nós o máis importante é recuperar sensacións, que sexamos solidarios cando non teñamos a pelota, porque o rival tentará posesións longas, e despois teremos as nosas ocasións. Somos quen de manexar diferentes rexistros, tentaremos sorprendelos e oxalá sexamos quen de facer as cousas ben e que dean resultado para sacar cousas positivas.

Loita polo liderado. Imos tentalo, evidentemente. Temos que tentar competir cada domingo para sacar os tres puntos e esperar, polo que nos di a clasificación agora, a fallos deles. Oxalá sexamos quen e, sobre todo, se eles fallan, nós acertemos. A nosa idea e ilusión, dende o primeiro momento, é ir competendo partido a partido e despois a táboa poñeranos no noso sitio. Somos conscientes de que cada punto cústanos moitísimo, porque somos un bo equipo, pero outros teñen mellores individualidades. Detrás de cada punto hai moito traballo detrás dos mozos, polo que non podemos baixar o nivel nese aspecto para poder loitar nesta categoría.

Partido aprazado. Teño un sabor moi agridoce, porque cando estás preparado para xogar o partido, saltan os positivos, entendes que o normal é que se suspenda o partido, pero despois queres xogar e parece que eles non. O que me enfada un pouco é que a Federación non fixo nada por sacar o partido adiante, sobre todo nunha data que estaba libre e que conviña aos dous. Meter un partido entre semana supón un esforzo extra e ningún dos dous está para regalar nada. Puxemos da nosa parte o que tiñamos facer, eles agarráronse á situación que tiñan e quizais a cousas que quedan no limbo para tentar que a data fose o mellor para eles. Xogaron as súas bazas, nós as nosas e agora o máis importante é que o día que teñamos que competir contra eles fagámolo con todas as garantías, recuperando á xente e competindo ben para sacar o partido adiante.

Posibles reforzos. Dende o primeiro momento díxoseme que no club non se contemplaba a posibilidade de cambiar nada. O único, que algún futbolista quixese saír por decisión deles. Tocou acatar a decisión, traballar co que teño e pouco máis. A nivel persoal estou contento con todos os futbolistas que teño e imos tirar con eles ata o final.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado