Ramón Salgado: “O corpo técnico leva anos facendo un traballo espectacular”

Limpiezas Salgado patrocina o partido deste domingo contra o Marino de Luanco, destacando os valores da SD e a labor do equipo técnico. Patrocina ao equipo dende o ano 2012 coa esperanza de poder seguir crecendo ata chegar á Primeira División.

Cal é a súa actividade?

Somos unha empresa cuxa actividade principal son os servizos profesionais de limpeza dende hai máis de 35 anos. Na actualidade forman parte de Limpiezas Salgado máis de 600 traballadores.

Prestamos servizos en toda Galicia desde a nosa sede central no Parque Empresarial do Milladoiro. Nas nosas instalacións tamén temos á venda produtos para profesionais e particulares, maquinaria e útiles de limpeza, así como subministracións de celulosas e todo tipo de produtos necesarios para facer fronte á COVID-19.

Dende cando patrocinan ao equipo?

2012-13 foi a tempada na que comezamos a apoiar o novo proxecto da SD Compostela.

Que lles levou a facelo?

Presentáronme un proxecto serio, a longo prazo no que cremos. Buscaban crecer pouco a pouco con uns xogadores moi mozos e un gran equipo técnico. Despois de todos estes anos estamos moi satisfeitos coa traxectoria do equipo. Os obxectivos fóronse cumprindo tempada tras tempada. Hoxe temos un grupo do que nos sentimos moi orgullosos.

Que supón o ascenso de categoría para o seu patrocinio?

A Responsabilidade Social Corporativa é un concepto que afecta a distintos ámbitos de xestión da empresa, gústanos colaborar con proxectos que teñan que ver cos valores do deporte, do esforzo e o compromiso, nos que a SD Compostela son un modelo para imitar por moitos equipos de calquera categoría.

Tamén tentamos servir de exemplo a outras empresas para que vexan que é necesario apoiar este tipo de proxectos para que crezan dun modo sólido, non podemos agardar sempre a que sexan outros os que aporten, hai que tomar a iniciativa. Tamén valoramos moi positivamente as accións que se levan a cabo dentro da SD Empresarial, facilitando a creación de redes de colaboración entre as empresas patrocinadoras.

Cal é a súa relación co deporte en xeral e a SD Compostela en particular?

En canto á miña relación co equipo, sempre teño tendencia a poñer en valor ao corpo técnico. O da nosa SD Compostela ten todo o meu apoio incondicional, levan facendo estes últimos anos un traballo espectacular, serio e rigoroso en todos os aspectos clave do grupo. Ademais, tamén teño un especial aprecio ao xogador David Soto, que leva o nome da nosa empresa na súa camiseta e que está a facer unha gran tempada.

Un desexo para esta tempada.

O meu desexo é seguir crecendo na liña destas últimas tempadas e gustaríame moito poder manter o grupo de xogadores e corpo técnico coa ilusión de chegar de novo á Primeira División.

David Soto, portando a imaxe de Limpiezas Salgado na súa camiseta. Foto: Damián Avilés.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado