Rafa Mella: “Somos os máximos responsables, toca apandar e tentalo ata o final”

Dende a esquerda: Ramón Castro, director das relacións institucionais do club; Rafa Mella, Jesús e Pilar Miramontes, de NB21 Correduría de Seguros; nas instalacións da entidade na Rúa Fonte dos Concheiros.

  • O atacante compostelanista fixo autocrítica e destacou a importancia de seguir traballando para sumar os puntos e confiar noutros resultados

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

A dura derrota en Langreo aínda pesa no vestiario da SD Compostela, pero os nosos xa pensan en resarcirse este próximo domingo, na casa, contra o Ceares. Os nosos non dependen de si mesmos para clasificarse para o playoff, aínda que para iso o primeiro é facer os deberes. Así o valora Rafa Mella, un atacante branquiazul que fixo autocrítica esta mañá nas instalacións de NB21 Correduría de Seguros, o seu patrocinador e do encontro da mañá dominical no Vero Boquete, destacando a importancia de tentalo ata o final.

No acto, estivo acompañado de Pilar Miramontes, xerente da empresa compostelá, quen valorou o seu apoio ao club. “Un ano máis estamos con eles, é unha tradición familiar que empezou o meu pai e agora continuo eu. É todo un orgullo seguir representando ao equipo da nosa cidade”, sinalou. Así mesmo, dentro desa colaboración, propoñen beneficios para os abonados. “Desde hai anos xestionamos todos os seguros do Compostela e todos os abonados e amigos do club poden beneficiarse de descontos especiais connosco”, concluíu.

Rolda de prensa de Rafa Mella.

Como está o equipo? Poderíase estar mellor. Estamos nunha situación un pouco peor que hai unhas semanas, xa non dependemos de nós, é complicado que podamos conseguir o obxectivo, pero pasaron cousas peores no fútbol, polo que temos ganas de que chegue a fin de semana e conseguir a vitoria.

Fin de semana. Non nos acompañaron os resultados. Outras veces que tamén fallamos, igual nos acompañaron máis e non se notou tanto, pero agora faltando dúas xornadas, non nos acompañaron, pero sabemos que somos os máximos responsables, tócanos apandar e tentalo ata o final.

Loitar ata o final. Despois da primeira volta que fixemos, que creo que foi boa, a segunda non foi como queriamos, fóronsenos moitos puntos e somos os máximos responsables. Ata o final daremos o mellor que podamos, tentar conseguir as dúas vitorias, comezando pola primeira, pero de non clasificarnos sería un fracaso.

O Ceares. É un club familiar, que ten unha afección moi boa e non baixaron os brazos en ningún partido. Tiveron un par de resultados un pouco avultados, pero como vimos o outro día contra o Pontevedra, púxollo moi difícil e creo que virán desfrutar e a facer un bo partido, polo que non nos podemos fiar, para nada. Temos que dar o máximo e que queden os tres puntos na casa.

Gañar e esperar. As mínimas posibilidades que temos pasan por facer os seis puntos e agardar. Hai enfrontamentos complicados dos equipos que están aí como nós, polo que primeiro ten que chegar esta fin de semana, sacar os tres puntos e esperar.

Segunda volta. Está claro que foi unha mala dinámica que tardamos moito en tentar cambiala. Aí atrás tivemos un par de partidos que estiveron mellor que os anteriores, pero esta fin de semana levámonos un pau moi duro, porque era importante sumar, pero fóisenos o partido. Toca traballar o que queda.

Partido en Langreo. Na situación na que estamos e co que se xoga o outro equipo, que fixo o seu traballo, comezar encaixando tan pronto, por un fallo noso, despois é máis complicado, porque se pechan, dando ademais do 200%. Aínda así, empatamos, pero marcáronnos o segundo e xa foi complicado.

Se fallamos, fallamos todos. Somos un equipo. Cando fallamos, fallamos todos e cando acertamos, acertamos todos. Esta vez tocoulle a Pato, pero a min, por exemplo, tocoume outras. Estamos con el, sabemos que nos salvou de moitas e nese sentido non pasa nada con quen fallase, senón por non conseguir a vitoria.

Obxectivo o domingo. Temos que tentar sacar o mellor que temos, ser ambiciosos, saír desde o minuto un a polo partido. Conseguir os tres puntos e, se pode ser, cantos máis goles podamos meter, comezando polo primeiro, mellor, porque en empates a puntos poderíannos beneficiar.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado