Rafa Mella, primeira fichaxe para o Compos 21/22

  • O extremo galego, con ampla experiencia en Segunda B, chega procedente do CD Don Benito e firma por unha campaña

Santiago de Compostela, a 3 de xuño de 2021

Rafael Mella Ferreiro (A Coruña, 06/11/1991), máis coñecido futbolisticamente como Rafa Mella, convértese na primeira fichaxe da SD Compostela para a Tempada 21/22. O extremo dereito, con ampla experiencia na Segunda División B, chega procedente do CD Don Benito e firma por unha campaña no proxecto branquiazul.

Aos seus 29 anos, o novo xogador compostelanista acumula nove tempadas e máis de 250 partidos na extinta división de bronce do fútbol nacional.

Coa súa incorporación, o Compos suma ao seu plantel a un xogador experimentado e polivalente, xa que actúa como extremo dereito, pero tamén pode facelo como lateral, un futbolista que destaca ademais pola súa rapidez, o seu traballo diario e o seu gran golpeo de balón, calidades estas que chamaron a atención da dirección deportiva da entidade para a súa contratación.

Do mesmo xeito, súmase ao proxecto un novo xogador galego que coñece moi ben o fútbol da terra, debido a que deu o salto a sénior no Racing de Ferrol, en Terceira División, e debutou en Segunda B co Coruxo, conxunto no que militou cinco tempadas.

A maiores do conxunto vigués, Rafa Mella tamén xogou no Real Jaén, no Internacional de Madrid, no Salamanca CF UDS, no AD Mérida e no CD Don Benito, equipo este último do que procede.

Nesta última campaña, en terras estremeñas, o atacante coruñés disputou os vinte e catro encontros da competición (un gol), trece deles como titular, acabando a tempada en sexto lugar da Fase Intermedia de acceso á Primeira RFEF.

A primeira fichaxe para a nova tempada súmase aos once futbolistas que xa teñen contrato para o novo curso: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas e Josiño.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado