Rafa Mella: “Hai moi bo plantel, moi bo grupo e podemos facer grandes cousas”

Presentación en NB21 con Pilar Miramontes, Rafa Mella, Jesús Miramontes e Ramón Castro.

  • O extremo foi presentado esta mañá na sede de NB21, o seu patrocinador oficial

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

Rafa Mella, a que foi a primeira fichaxe estival para o novo proxecto da SD Compostela, foi presentado oficialmente como novo xogador branquiazul esta mañá na sede de NB21, que seguirá apoiando, por cuarto ano consecutivo, ao club, patrocinando, neste caso, ao extremo coruñés.

Co 9 ás costas e portando a imaxe da correduría de seguros santiaguesa, Rafa adianta que achegará moito traballo para o beneficio do equipo na Segunda RFEF.

O acto de presentación tivo lugar na sede de NB21, na rúa Fonte dos Concheiros, 14, coa presenza de Ramón Castro, por parte da directiva compostelanista, e de Jesús e Pilar Miramontes, por parte da correduría.

Declaracións destacadas.

Amigable contra o Noia. Estamos a traballar moi duro dende o primeiro día. Sabemos que contra o Noia é outro amigable, pero hai que darlle a importancia necesaria para preparar o comezo ligueiro.

Toma de contacto contra o Lugo. O partido contra o Lugo foi unha toma de contacto porque levabamos pouco tempo adestrando, aínda que sempre serve para probar cousas. A verdade é que estamos bastante mellor que hai unha semana.

Pretempada. Cada día que pasa métense cousas novas. Ao principio o traballo é un pouco máis físico, pero aos poucos imos metendo conceptos que quere o míster, tácticos e técnicos, e mellorando.

A chamada do Compos. A Casti coñecíao do meu último ano de xuvenil no Racing de Ferrol e, aínda que é certo que levo moitos anos fóra, o Compostela sempre o tiña aí. Sei que é un equipo grande de Galicia e tíveno moi en conta dende que me chamaron. Estou encantado de estar aquí.

Achega ao equipo. Considérome un xogador polivalente e sempre tento dar o máximo onde me poña o adestrador. Gústame xogar canto máis arriba mellor, de extremo, pero se teño que botar unha man de lateral ou mesmo de dianteiro, tamén o farei encantado. Achegarei traballo, traballo e máis traballo, e tentar facer goles e dar asistencias, que é o que máis destaca na miña posición, para poder sumar entre todos.

A nova categoría. Nesta nova categoría hai moitos equipos recentemente ascendidos, pero será unha liga complicada porque cada partido será unha guerra. Temos que concienciarnos de saír a gañar todos os partidos e creo que temos moi bo plantel, moi bo grupo e podemos facer grandes cousas.

Formato clásico. Gústame este formato máis longo, porque o que mellor traballa a longo prazo, leva máis recompensa. O ano pasado non se podía permitir un erro, porque era moi curta a liga. Por iso, creo que o que mellor traballe ao longo do ano será o maior beneficiado e creo que estamos preparados para iso.

O grupo. Sorpréndeme moito o tema plantel, porque parece unha familia, un moi bo grupo no que nos levamos todos moi ben. E, futbolisticamente, creo que hai un equipazo, porque se mantén unha moi boa base do ano pasado, xogadores importantes que seguen, e as fichaxes creo que imos achegar moito. Hai unha combinación de xente con moita experiencia e mozos con moita fame, polo que creo que esa mestura viranos moi ben.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado