Rafa Mella: “Coas nosas armas, temos que tentar facelo o mellor posible para gañar”

De esquerda a dereita: Rafa Mella, Javier Nicolás, xerente de As Cancelas, e Ramón Castro, director das Relaciones Institucionais do club.

  • O extremo, xa recuperado, destacou as claves para sacar os tres puntos no Espiñedo

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021

A SD Compostela fixo entrega esta tarde ao Centro Comercial As Cancelas da camiseta que sorteou o establecemento nas súas redes sociais, con motivo da nova colaboración entre ambas entidades. No acto estivo presente Rafa Mella, imaxe do sorteo, quen falou sobre a previa do derbi deste domingo ante o CD Arenteiro no Espiñedo.

Declaracións destacadas.

Rendemento en banda. A posición na que levo xogando toda a miña carreira é nesa banda dereita e a verdade é que me gusta, porque me gusta axudar ao equipo nesa faceta de chegar a campo contrario e dar asistencias ou entrar ao remate. O que me pidan, vouno facer.

Molestias ante o Bergantiños. Foi un susto, unha carga muscular, nada do outro mundo. Si é certo que non estou afeito ter problemas musculares, pero quedou nun susto e estou a tope para chegar ao próximo partido.

Últimos empates. Levamos partidos xerando moitas chegadas, faltounos meter algún gol máis para estar máis tranquilos. Ao final, empátanche os partidos porque os contrarios tamén xogan e, si, toca gañar. Iremos a Arenteiro, coma sempre, a polos tres puntos.

Leccións aprendidas. Os dous primeiros partidos na casa adiantámonos no marcador e puidemos meter algún máis, iso cámbiache o partido completamente. En cambio, nos dous últimos encontros pecamos diso, de non enchufar algunha máis, porque tivemos chegadas dabondo. Ao final, nas segundas partes, os outros equipos tentan cambiar cousas, bótante atrás e tócanos tentar pechar máis os partidos. Creo que o camiño é este.

O Arenteiro. É un equipo que ten dominado o seu campo e esa liña de cinco coa que xoga sempre. Será un equipo moi rochoso, moi complicado, pero temos que habituarnos a ese campo e a ese equipo. Estamos seguros de que eles tamén sufrirán cando veñan a aquí na segunda volta.

Adaptación ao campo. Sabemos a dificultade destes partidos. Igual non podes xogar como che gustaría, de ter máis o balón, pero coas nosas armas temos que tentar facelo o mellor posible para gañar.

Igualdade. Non te podes relaxar contra ningún equipo, dá igual que alguén estea arriba ou abaixo. Está todo moi igualado, xa se está vendo nas primeiras xornadas e creo que será así todo o ano.

Relación con Fran Justo. O adestrador é un dos meus mellores amigos e teño ganas de poder gañar, e despois xa tomaremos algo ao acabar. Coñézoo dende hai moitos anos, dun grupo grande de xente do fútbol e temos moi boa relación. Para min é un partido especial por ese motivo e teño moitas gañas.

Ademais, no acto, que serviu para presentar a nova colaboración do club con As Cancelas, o novo xerente do centro comercial, Javier Nicolás, sinalou a importancia deste acordo: “Temos que colaborar, achegar, facer cidade e facer camiño xuntos. É unha colaboración ampla, de promoción conxunta e estamos para dar maior visibilidade ao acordo e, principalmente, para que convivamos nesta contorna Compos e As Cancelas para seguir medrando xuntos”.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado