Quinto triunfo seguido nunha nova mostra de solidez

Celebración do equipo trala vitoria en Palencia.

  • Cun dobrete de Mario Rodríguez, o gran protagonista da tarde, o Compos levou os tres puntos en Palencia

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2022

A SD Compostela suma e segue tamén en decembro. Os branquiazuis, nunha nova mostra de solidez e bo xogo, superaron por 0-2 ao Palencia Cristo Atlético para conseguir o seu quinto triunfo seguido, asentándose así en postos de playoff de ascenso.

Coa volta ao once titular de Álvaro Casas e Roque, de regreso trala sanción da pasada semana, o Compos presentouse no verde da Nueva Balastera coa premisa moi clara, tirar de oficio e mostrar o seu bo momento de forma para superar a un duro rival, que destacaba pola súa solidez atrás.

Ben asentados, sen conceder nada, os branquiazuis foron estirando liñas e terían a súa gran ocasión á media hora. Mario Rodríguez quedou só na área, pero non puido superar a Guille, quen realizou unha gran parada.

Con todo, no 43, o atacante catalán tomaríase o desquite e conseguiría, agora si, o primeiro da tarde para os nosos. O gol chegou tras unha gran presión en campo contrario, con roubo de Fer Beltrán e asistencia o espazo para un Mario que, tras plantarse ante o porteiro, definiu á perfección polo primeiro pau.

Co golpe anímico do golazo de Mario, quen volvía marcar fóra de casa, chegouse ao descanso con vantaxe compostelanista.

Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, o Compos seguiu firme na súa tarefa, sen conceder ningunha oportunidade ao cadro local, e iso acabaría sendo clave para conseguir os tres puntos.

Coa confianza do traballo atrás, aos 69 minutos, chegaría o segundo e sería de novo de Mario, esta vez á contra. Tras un balón parado do Palencia, o rexeite acabou nas botas do atacante catalán e, coa súa velocidade endiañada, deixou a todos atrás nun sprint de sesenta metros para plantarse ante Guille, ao que volvería bater cun golpeo ao pau esquerdo. 0-2 e terceiro tanto na liga para o protagonista da tarde.

Coa vantaxe dobrada, chegou o momento dos cambios, de durmir o partido e de asegurar que os tres puntos regresasen para Santiago, un obxectivo cumprido con fartura.

Por iso, a SD Compostela conseguiu a súa quinta vitoria seguida, terceira como visitantes e deixando a portería a cero por cuarto encontro consecutivo, o que mostra a solidez do cadro branquiazul. Agora, tocará tentar prolongar a gran xeira, na despedida do 2022 na casa, contra o Valladolid Promesas.

FICHA TÉCNICA

0- PALENCIA CA: Guille, Montes, Abel, Mingotes, Cobo; Conejo (Raúl Arroyo, m.64), Diego González (Duque, m.70); Ali (Adri Herrera, m.64), Ale Hernández (Pablo Múñoz, m.57), Rafa (Ayllón, m.57); e Adri Castro.

2- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián (Martín, m.88); Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán, Jordan (Samu, m.71); Mario Rodríguez (Parapar, m.71) e Darío (Cano, m.80).

GOLES: 0-1: Mario Rodríguez, min.43; 0-2: Mario Rodríguez, min.69.

ÁRBITRO: Carbajales Gómez (Asturias). Amoestou a Conejo e Adri Herrera, polo Palencia; e a Jordan e Pablo Antas, polo Compos.

INCIDENCIAS: Estadio Municipal Nueva Balastera. Xornada 13 do Grupo 1 da Segunda RFEF.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado