Querer e non poder na primeira derrota como locais

  • O Compos gozou de infinidade de ocasións, pero os puntos marcháronse para Asturias nunha acción illada

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2022.

A SD Compostela sufriu a primeira derrota da tempada no Vero Boquete tras caer 0-1 contra o Llanera. Os branquiazuis tiveron múltiples ocasións para marcar, pero a falta de fortuna e un gran Mapisa evitaron que cada unha das opcións do Compos non acabasen na rede. No medio dese asedio, Romaric, nunha acción illada, marcou un auténtico golazo que foi decisivo ao final.

Cunha pequena revolución no once inicial, a SD Compostela regresaba ao fortín convencido de recuperar a senda dos triunfos. Tralo último empate en casa e derrota fóra, os branquiazuis querían sumar os tres puntos diante do seu público para manterse na zona alta da clasificación.

Metidos dende o minuto un, os nosos avisaron das súas intencións nada máis sacar, nunha acción elaborada dende atrás, na que foron rompendo liñas ata chegar á área rival, pero o centro de Escudero, tras regatear ao porteiro na esquina da área, sacouno a defensa.

Con todo, os visitantes quixeron deixar tamén o seu selo, nas botas do seu capitán. Matías Fernández atopouse coa pelota na frontal e non o pensou, soltou un zurdazo que pasou moi preto da escuadra.

Tras esta posta en escena, o Compos rompeu as hostilidades e comezou o seu asedio sobre a portería de Mapisa. Tívoas de todas as cores, pero o porteiro asturiano volveuse xigante para evitar cada unha das alternativas branquiazuis.

No 11, sacou co corpo un remate de Escudero, tralo centro desde a dereita de Pablo Durán. No 19, cazou o esférico antes de que se coase, despois de que Primo tocase o seu intento de despexe. No 21, cos pés, parou o disparo cruzado de Pablo Durán, coa zurda. E no 28, luciuse cunha preciosa estirada, para salvar o tanto de Primo, quen gañara moi ben a posición co corpo.

Con todo, a pesar de todo o dominio, quen marcarían serían os visitantes. Tras unha caída de Durán, na que o Compos reclamou falta, Otia despexouna cara a Romaric e o dianteiro realizou unha xogada persoal espectacular para acabar coa pelota na rede. Gañou a batalla con Joel, foise en velocidade de Antas e regateou a Casas, para marcar co exterior ao pau longo.

A marabilla de Romaric espoleou aos visitantes, que antes do intermedio rozaron o segundo, nun man a man de Matías, tras gañar o saque de portería, que mandou fóra. Por iso, chegouse ao intermedio con vantaxe 0-1 para o Llanera.

Á volta do descanso, coa mesma mentalidade e sen decaer no seu empeño, o Compos saltou coa convicción de que, con tanta ocasión, algunha acabaría entrando.

Aínda así, no primeiro tirón branquiazul, nada máis saír, Mapisa volveuse a converter nun muro infranqueable, para sacar nun intervalo de cinco minutos, un disparo forte de Pablo Durán ao primeiro pau, unha cabezada de Escudero e un novo lanzamento coa zurda do valisoletano.

Desesperados polas continuas perdas de tempo do rival, a bancada alzou a voz cando no 62, o liña levantaba a bandeira para anular un gol de Primo, quen gañara un rexeite da defensa.

Na última media hora, con pernas de refresco dende o banco, a SD Compostela meteu atrás ao rival, someteuno, pero os continuos centros e chegadas á área non atoparon o premio desexado. Así, acabouse o encontro co 0-1. Toca levantarse e seguir loitando para meterse no playoff. O vindeiro domingo, outra final, quedan nove, contra a Gimnástica Segoviana.

FICHA TÉCNICA:

0- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Joel (Fer Beltrán, m.63), Jimmy; Pablo Antas, Jordan (Roberto Baleato, m.81), Josiño (Salado, m.81); Pablo Durán, Escudero (Rafa Mella, m.57) e Primo.

1- UD LLANERA: Mapisa; Mundaka (Arango, m.71), Otia, Espinar, Crespo, Ceinos; Pape; Matías Fernández (Omar, m.60), Vity, Javi Sánchez (Martín, m.60); e Romaric (Amadou, m.71).

GOLES: 0-1: Romaric, min.38.

Árbitro: Sánchez Ingidua (Castela e León). Amoestou a Fer Beltrán, Roque, Pablo Antas e Salado, polo Compos; e a Javi Sánchez, polo Llanera.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Xornada 25 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 550 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado