Quen dixo medo? Remontada con dez

Brais Abelenda celebrando o seu gol, nun partido que patrocinaba Castyromer. Foto: Amadeo Rey.

Brais Abelenda celebrando o seu gol, nun partido que patrocinaba Castyromer. Foto: Amadeo Rey.

  • O Compos mantén o seu fortín con dous goles na segunda metade estando en inferioridade numérica

Santiago de Compostela, a 6 de Outubro de 2019.

A SD Compostela levou tres puntazos do Vero Boquete, de novo, nun encontro de sufrimento no que remontou na segunda metade con dez xogadores. No aniversario de Yago Iglesias, a parroquia branquiazul e o seu equipo puido celebrar un triunfo incrible, nun duelo no que demostrou, unha vez máis, que o fortín ten moita maxia.

Nin a expulsión de Soto, con vermella directa, á media hora, nin o tanto de Escobar, desde os once metros, á volta dos vestiarios, puideron cun Compos que remontou o marcador en sete minutos, en inferioridade, con tantos de Brais Abelenda e Saro.

Sen pensar no duelo do xoves, o Compos saltou ao campo coa mesma mentalidade de sempre. A pesar de atoparse cun opoñente que apostaba tamén polo mesmo estilo de toque, os nosos quixeron imporse coa posesión desde o minuto uno.

Así, aos cinco, os branquiazuis puidéronse adiantar cunha dobre ocasión, xerada da súa acción máis clásica. Miki gañou a banda dereita, puxo o centro raso ao corazón da área para Brais Abelenda, pero esta vez o de Bembibre atopouse cun impoñente Ángel Fraga. E no rexeite, Hugo Sanmartín buscou o tiro cruzado, pero o porteiro sacou un pé espectacular para enviar a córner.

Con todo, pese ao dominio, nun balón longo sacado desde atrás polos lucenses, Escobar caeu ante Soto no centro do campo e o colexiado, decretando que era o último home, ensinoulle o cartón vermello directo. A acción marcaba o choque, pero os nosos non darían o seu brazo a torcer.

De feito, antes do intermedio, a máis clara sería para o Compos, nunha falta lateral botada por Pablo Antas e tocada no primeiro pau por Brais Abelenda, pero o esférico marchouse rozando o pau.

Á volta dos vestiarios, os nosos querían seguir coa mesma liña, pero atoparíanse cun novo contratempo en forma de penalti. Nunha acción de ataque, no primeiro minuto, o Polvorín montou a contra con Chiqui e o extremo, tras levar un primeiro rebote, caeu na área con Álvaro Casas. O árbitro, a pesar das protestas, non dubidou e Escobar foi o encargado de executar a pena máxima, enganando a Pato.

Tralo tanto, Chiqui atoparía co porteiro uruguaio nunha nova cabalgada, pero o Compos non se engurrou. Quen dixo medo? Ninguén. Os nosos seguiron fieis ao que falaran no intermedio e froito da persistencia acabaron atopando o premio que tanto merecían.

Aos 55 minutos, Brais Abelenda resistiu as arremetidas dos centrais para gañar un esférico en zona de tres cuartos, avanzou endiañado cara á área e soltou un disparo espectacular coa súa perna esquerda, desde a frontal, que pegou no pau e acabou na rede. O pichichi branquiazul respondía así á confianza do equipo, levando o delirio á bancada.

Pero non sería o único brote de xúbilo para os afeccionados, xa que sete minutos máis tarde, nunha nova xogada de fe, os locais voltearon o luminoso. Jimmy recuperou o balón dun centro rexeitado, colgouna para Brais e o de Bembibre, vendo que se lle escapaba un pouco o control, picouna habilmente por encima dos centrais, unha magnífica asistencia que foi aproveitada por Saro para, entrando desde atrás, controlala e superar a Ángel polo medio das pernas.

Agora si, o obxectivo estaba máis preto, pero aínda quedaban trinta longos minutos de batalla. A pesar diso, os branquiazuis tiraron dese outro fútbol para tapar todas as vías atrás e mesmo gozar dalgunha oportunidade, como nun balón longo para Hugo Sanmartín ao que chegou forzado, polo que foi incapaz de picala por encima da saída do porteiro.

Coa bancada moi enchufada, a SD Compostela resistiu e mostrou, se xa non o realizou antes, que esta tempada vai moi enserio. Nin a expulsión, nin o primeiro gol encaixado en casa, nin a desvantaxe, nin o cansazo dunha semana Champions acabaron cun equipo que se mostra cada día máis enteiro. Toca celebralo, descansar dous días e mentalizarse na seguinte parada, unha dura visita ao Estadio do Couto para enfrontarse á UD Ourense.

FICHA TÉCNICA:

2- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto (Queiruga, m.35), Jimmy, Samu, Pablo Antas; Miki (Gabri Palmás, m.86), Josiño, Hugo Sanmartín (Baleato, m.70); e Brais Abelenda.

1- Polvorín FC: Ángel Fraga; Asier, Jesús, Matías, Varo (Juan, m.69); Marcos (Christian, m.69), Manu; Rayco (Nico, m.69), Álex Rey, Chiqui; e Escobar.

Goles: 0-1: Escobar, min.46; 1-1: Brais Abelenda, min.55; 2-1: Saro, min.63.

Árbitro: Pérez Martínez (Ourense). Expulsou a Soto (m.32) con vermella directa. Ademais, amoestou a Samu, Álvaro Casas, Miki, Baleato e Yago Iglesias, polo Compos; e a Matías, Jesús e Álex Rey, polos visitantes.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da sétima xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado ante 900 espectadores. Antes do inicio do encontro gardouse un minuto de silencio por Rafael Albardonedo Recarey, abonado do club e membro de la peña Fonte Sequelo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado