Punto contra o líder que sabe a pouco

Disparo de Primo, na primeira metade, que sacou Serna co pe. Foto: Amadeo Rey.

  • O Compos dominou ao Unionistas, pero volveu carecer de fortuna de cara á portería contraria

Santiago de Compostela, a 16 de Xaneiro de 2021.

A SD Compostela estreouse neste 2021 cun auténtico partidazo contra o líder no que só lle faltou puntería de cara ao arco rival. Os nosos dominaron contra o Unionistas, pero faltoulles acerto nos últimos metros para levar os tres puntos. Con todo, novo punto no fortín ante un gran equipo, e terceira portería a cero consecutiva.

Coa única novidade de Guille Torres no centro da zaga, a SD Compostela volveu á competición neste 2021, no seu fortín e contra o líder, o Unionistas. Con ánimo de desquite, despois da derrota da primeira volta, os nosos apoiábanse na súa afección para buscar os tres primeiros puntos do ano.

O partido comezou cun Compos dominador e un Unionistas moi ben plantado co seu 4-4-2, a pesar diso, co paso dos minutos, os branquiazuis comezaron a atopar os espazos na zaga salmantina, asediando a meta de Serna.

Deste xeito, o primeiro en probalo sería Juampa, no 21, tras un roubo de Brais Abelenda en tres cuartos. O de Bembibre abriuna para Miki e este devolveuna ao centro para o extremo arxentino, pero o seu disparo axustado coa destra saíu rozando o pau. Tres máis tarde, de novo Juampa aparecería en ataque, colgando un centro ao segundo pau que devolveu de cabeza ao primeiro Miki para Bicho, que se atopaba só, pero o seu intento de volea marchouse alto. E no 29, sería Jimmy o que o probaría, despois de atopar espazo no carril central, pero Serna voou para sacala a córner.

Os intentos branquiazuis eran constantes xa que no 31, de novo Bicho, enviaría arriba un balón morto na área, e no 32, Juampa non foi quen de atopar a portería, despois de que Brais Abelenda lle gañase a partida a Serna e a deixase atrás.

Mentres tanto, os visitantes fiábano todo a saír rápido á contra tras roubo e así foi como tiveron a súa oportunidade, no 35. Os salmantinos roubáronlla a Saro na esquina da área e puxérona rápido para Íñigo Muñoz, quen buscou un tiro raso cruzado que saíu rozando o pau da portería de Pato.

O aviso visitante non asustou aos nosos, que nun novo tirón volveron rozar a diana. Esta vez, Primo revolveuse na área e soltou un disparo duro coa súa perna destra que sacou Serna coa punta da bota. E na última, Brais Abelenda percutiu ata a área, pero o seu golpeo saíu centrado.

Así, sen novidades no marcador, o partidazo contra o líder marchouse ao intermedio coa igualdade inicial.

Á volta dos vestiarios, o Compos saíu coa mesma idea, partindo a por todas desde o asubío inicial e xa avisou no primeiro minuto. Miki Villar atopou o espazo na banda, chegou a liña de fondo, pero o seu pase atrás non atopou rematador, e seis minutos máis tarde atopou a mesma sorte nunha xogada moi similar.

Con todo, nesta ocasión, o Unionistas respondeu con maior rapidez, nunha dobre ocasión na que se luciu Pato Guillén. Primeiro, o porteiro uruguaio tapou á perfección os ocos no man a man con Aythami, sacando a man para enviar o esférico a córner. E no saque de esquina, voou para sacar o testarazo de Lamadrid, o cal se coaba polo segundo pau.

Non se inquietaron os nosos que seguiron ao seu, máis aínda cos cambios ofensivos realizados por Yago Iglesias. Así, no 68, Bicho soltou un zambombazo que palmeou Serna con apuros e no 71, tras unha entrada ata liña de fondo de Jimmy, Primo golpeou en semierro cando a bancada xa estaba disposta a cantar o gol.

Non quería entrar a pelota, como se puido comprobar, pouco máis tarde, nun centro de Hugo Sanmartín que se paseou pola área sen que Primo nin Brais puidesen cargar o fusil.

No último tirón branquiazul, o Unionistas tamén atopou a súa opción nun disparo desde o pico da área de Álex Rey, pero Pato, moi seguro durante toda a tarde, lanzouse á perfección para tocala a córner. Con todo, a última sería para os nosos, de novo, sen fortuna. Hugo Sanmartín atopou o espazo na frontal e soltou un lategazo colocado, pero o seu fusil saíu rozando o poste.

Por tanto, sen fortuna na área, a estrea da SD Compostela neste 2021 saldouse con empate a ceros. Segunda igualada consecutiva para os nosos no fortín, ambas coa portería a cero e nas que se mereceu máis. Aínda así, sumouse un novo punto ante líder, o cal lle permite aos compostelanistas seguir crecendo na liga. Agora, toca dobre partido esta semana como visitantes, primeiro, contra o Salamanca CF UDS, o mércores, e despois contra o Deportivo, o domingo.

FICHA TÉCNICA:

0- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Saro (Hugo Sanmartín, m.74), David Soto, Guille Torres, Jimmy; Pablo Antas, Brais Abelenda, Bicho (Baleato, m.86); Miki (Gabri Palmás, m.86), Juampa (Josiño, m.58) e Primo.

0- UNIONISTAS DE SALAMANCA CF: Serna, Marín, Ramiro, Garay, Jon Rojo; Íñigo Muñoz (Josúe, m.75), Lamadrid (Álex Rey, m.67), Acosta, Manu Viana (Carmona, m.67); De la Nava (Cris Montes, m.48) e Aythami (Dieguito, m.75).

GOLES: Sen goles.

Árbitro: Lucena Perdomo (Las Palmas). Amoestou a Pablo Antas e Jimmy, polo Compos; e a Cris Montes e Garay, polo Unionistas.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da décima xornada de liga do Grupo 1 Subgrupo A da Segunda División B disputado ante 500 espectadores. Antes do inicio do encontro gardouse un minuto de silencio na memoria de Braulio Anca.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado