O prometedor central zurdo Damián Canedo, terceira incorporación da SD Compostela

  • O compostelán ficha por dúas tempadas tras acabar a súa etapa xuvenil no Barcelona

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022

Damián Canedo Midón (Santiago de Compostela, 08/03/2003) é a terceira fichaxe da SD Compostela para a Tempada 2022/23. O prometedor central zurdo compostelán, tras tres anos nos xuvenís do FC Barcelona, regresa á capital galega para asinar co Compos por dúas campañas, na que será a súa primeira experiencia como sénior.

Aos seus 19 anos, Damián destaca por ser un central con envergadura, cun extraordinario trato de balón e que pode actuar tanto no centro da zaga como tamén de lateral, características estas que levaron á dirección deportiva do club a realizar a súa fichaxe.

Damián Canedo volve a Santiago despois de conseguir co Barça a Copa de Campións Xuvenil. Co máximo campionato nacional, o defensor pechou a súa etapa na base na cidade condal, onde demostrou as súas calidades durante tres campañas, disputando dous cursos co equipo de Liga Nacional e o último no División de Honra. Ademais, debutou tamén na UEFA Youth League.

Anteriormente, Damián destacou nas filas do Xuventude Oroso, chamando a atención do RC Celta de Vigo, que o recrutou en idade cadete. Ese gran rendemento na canteira celeste valeulle a oportunidade de fichar polo Barça, de onde agora procede.

Coa súa fichaxe, a SD Compostela 22/23 que dirixirá Fabiano conta xa con doce xogadores con contrato: Pato Guillén, Borja Rey, Roque, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián Canedo, Martín Salvador, Pablo Antas, Fer Beltrán, Jordan, Parapar e Pablo Durán.

Benvido de novo a Santiago, Damián!

Compartir en Redes Sociales

Relacionado