Primo seguirá defendendo a elástica branquiazul unha tempada máis

  • O dianteiro cántabro, que cumprirá a súa cuarta campaña no club, renova por un ano coa ilusión de darlle moitas alegrías á afección en forma de goles

Santiago de Compostela, a 4 de xuño de 2021

Óscar Conde ‘Primo’ seguirá defendendo a elástica branquiazul unha tempada máis. O atacante cántabro, que cumprirá a súa cuarta campaña no club,  renovou o seu compromiso coa SD Compostela por un ano, co obxectivo de volver a darlle moitas alegrías á afección compostelanista en forma de goles.

Tras unha tempada atípica, na que dúas inoportunas lesións lle impediron estar presente en varios tramos da mesma, o guerreiro branquiazul quere volver reencontrarse coa súa mellor versión no camiño compostelanista pola 2ª RFEF.

En total, nesta última campaña, Primo disputou trece encontros, dez deles coma titular, anotando dous goles, na vitoria contra o Celta B en Barreiro e no empate contra o Pontevedra no Vero Boquete de San Lázaro.

Coa continuidade do dianteiro de San Pantaleón de Aras, o Compos 2021/22 poderá gozar da loita, entrega, garra e gran capacidade goleadora dun xogador que é moi querido pola afección branquiazul. Ademais do seu enorme traballo, Primo tamén achegará a súa experiencia no fútbol nacional, así como dende o plano persoal, para o bo facer do grupo.

Un ano máis, o Vero Boquete de San Lázaro volverá vibrar coas actuacións dun Primo que agarda seguir agrandando as súas cifras na capital galega. Polo momento, acumula 66 partidos na SD Compostela e 36 goles.

Coa renovación de Primo, son xa trece os xogadores que teñen contrato coa SD Compostela para a Tempada 2021/22: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas, Josiño e Rafa Mella.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado