Primeira vitoria da tempada na estrea no fortín

  • Os goles de Jordan, Primo e Pablo Antas, 3-0, decantaron a balanza no Vero Boquete

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2021

A SD Compostela debutou no Vero Boquete de San Lázaro coa primeira vitoria do ano, 3-0 final ante un gran Palencia Cristo Atlético. Co apoio da bancada e un gran fútbol de ataque, os tres primeiros puntos da tempada quedaron no fortín. Na primeira parte, Jordan, cun golazo de falta, e na segunda, Primo, cun inverosímil remate de cabeza, e Pablo Antas, de penalti, decantaron a balanza para os nosos.

A estrea da tempada da SD Compostela no fortín non puido ter un mellor comezo. Na primeira oportunidade, aos seis minutos, gol… e tremendo golazo. Falta na frontal da área, Jordan colle a responsabilidade e, con suavidade, aloxa a pelota na rede, un fermoso lanzamento que entrou pegado ao poste, facendo imposible a estirada do porteiro.

Respondendo ao tanto local, o Palencia tivo a súa ocasión cinco máis tarde, nunha gran acción de Edu pola esquerda, na que conseguiu irse de Álvaro Casas, pero no man a man con Pato mandouna cruzada demais.

Co paso dos minutos, os nosos comezaron a dominar a pelota e volveron gozar de boas chegadas. Primeiro, no 17, probouno Pablo Antas de lonxe, pero o seu lanzamento saíu centrado. E despois, no 20, Primo gañou o espazo na banda e puxo un centro potente para a entrada de Escudero, pero o atacante valisoletano non foi quen de armar o tiro.

Tamén tivo as súas o Palencia, froito dunha moi boa presión adiantada. Erik, probouno nunha falta afastada que atrapou Pato en dous tempos e Silva, tentando sorprender, realizou un disparo dende tres cuartos de campo que o porteiro uruguaio despexou cunha gran estirada.

Así, con 1-0, chegouse ao descanso, pero á volta dos vestiarios, novamente, aos poucos minutos, volveron marcar os nosos. Minuto 50, balón ao espazo para Pablo Durán, centro para Escudero, o atacante oriéntaa cara á liña de fondo e pon o pase da morte para Primo, quen á primeira non foi quen de marcar, pero si á segunda. No primeiro intento, Guille sacou unha man salvadora para despexar o disparo a curta distancia do ariete cántabro, pero no rexeite, de cabeza e dende o chan, cruzouna ao fondo da rede.

Tralo segundo gol, Pablo Durán tivo o terceiro, nunha gran acción pola banda, que acabou co seu disparo ao lateral de rede, e cun testarazo, a saída dun córner, que sacou Guille arriba. Pero tamén puido marcar o Palencia, tralos cambios, nun balón morto de Álvaro que, no man a man, mandouna fóra.

Con todo, co paso dos minutos, o Compos foi máis superior e comezou a acumular ocasión tras ocasión. No 73, un centro medido de Salado estrelouno, dende a área pequena, Fer Beltrán no pau, xa co porteiro vencido.

E no 75, nunha carreira a toda velocidade de Salado arrincando dende atrás, recibiuna ao espazo de Rafa Mella e, xa na área, foi trabado por atrás, penalti. Dende o once metros, coa temperanza que lle caracteriza, Pablo Antas enganou a Guille e enviouna con suavidade ás mallas.

Con 3-0, os tres puntos quedaron na casa e a primeira vitoria do ano puido ser celebrada pola afección compostelanista. Gran resultado para comezar no fortín, catro puntos xa na marcadora e coa mente posta xa no seguinte duelo, novamente no Vero Boquete, contra o Móstoles.

FICHA TÉCNICA:

3- SD COMPOSTELA: Pato; Roque, Álvaro Casas, Guille Torres, Salado; Pablo Antas; Parapar (Pablo Durán, m.46), Jordan (Fer Beltrán, m.63), Josiño (Samu, m.71), Escudero (Rafa Mella, m.63); e Primo (Matías, m.77).

0- PALENCIA CRISTO ATLÉTICO: Guille; Silva, Abel (Álvaro, m.63), Morante, Gallego; J. Bueno (Josua, m.46), Diego (Torres, m.77); Erik (Iker, m.63), Moreno (Adri, m.46), Edu; e Alfredo.

GOLES: 1-0: Jordan, min.6; 2-0: Primo, min.50; 3-0: Pablo Antas (p.), min.76.

Árbitro: Rodríguez García (Asturias). Amoestou a Jordan, Pablo Antas e Álvaro Casas, polo Compos; e a J. Bueno e Edu, polo Palencia.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Xornada 2 de Liga da Segunda RFEF disputado ante 900 espectadores, aproximadamente.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado