[cs_video column_size=”1/1″ video_url=”https://youtu.be/81sRmSoZnBg” video_width=”500″ video_height=”250″][/cs_video]
-
A SD Compostela quere fiar o seu segundo triunfo consecutivo para aumentar a distancia co seu rival, a UD Ourense
Santiago de Compostela, a 15 de Marzo de 2019.
O Compos viaxará mañá ao Couto coa intención de fiar o seu segundo triunfo consecutivo no Tourmalet. Os nosos, coa moral alta trala vitoria do domingo pasado, enfrontaranse mañá, ás 18.30 horas, a UD Ourense, o seu inmediato perseguidor, coa intención de ampliar a renda entre ambos. Será outro duro reto contra o conxunto que menos encaixa da liga.
“Destaco a súa capacidade para sacar rédito dos poucos goles que marca e, evidentemente, dos poucos que encaixa. Perdeu moi poucos partidos, malia que empatou moito, e salvo o partido do Alondras, aproveita moi ben as vantaxes curtas”, comentou Yago Iglesias en rolda de prensa.
O técnico branquiazul definiu ao equipo ourensán como “defensivamente moi bo e no que colectivamente todos corren e pelexan polo seu xogo de adiantarse e manter a diferenza todo o partido”. Despois, a nivel individual, “sobresaen xogadores con experiencia, mesmo en Segunda B, como Pato ou Josu”.
Outro factor para ter en conta será a calor da bancada local, unha afección que desde a súa creación levou sempre polo aire ao seu club. “Meten moita xente, polo que será un encontro de playoff, unha continuación do que vivimos o domingo pasado”, manifestou o adestrador.
Seguindo esa dinámica, os nosos esperan sacar os tres puntos nesta nova saída. “É un rival que está un por detrás, é unha xornada adiantada, e sería moi bo durmir de segundos, pasándolle a presión ao Racing, e ampliando as diferenzas tanto con eles como co quinto, que quedaría a once puntos”, sinalou.
Con esas posibilidades, o plantel afrontou a semana cun maior optimismo, logo da imaxe do domingo pasado. “Tiñamos a mentalidade de xogar ben e sacar o triunfo e creo que se deron ambas. Así, a semana levouse con moitas ganas de que se chegase ao partido de mañá”, comentou.
Con todo, no capítulo de baixas, Yago non poderá contar con Álex Ares, quen sentiu unhas molestias no sóleo entre semana. Sen el, o corpo técnico rotará no once, malia que non desvelou a formulación. “É un motivo para sorprender e agardaremos a chegar alí. Viaxaremos os 17 e alí descartaremos a un en base ao encontro que nos vaiamos a atopar”, concluíu Yago.
Os que finalmente sexan da partida buscarán, nun encontro que se presume unha festa do fútbol, con dúas grandes afeccións, lograr outros tres novos puntos. Os nosos queren ampliar distancias, recortar cos de arriba, e seguir peregrinando neste Tourmalet.