Pato: “Quédannos seis partidos e depende de nós”

De esquerda a dereita: Borja Rey, o doutor Pablo Baltar, Pato Guillén e Ramón Castro.

  • O porteiro uruguaio destacou en Clínica Baltar a importancia de transformar a liña dos últimos partidos nos tres puntos

  • Borja Rey anima á afección a acudir en masa a apoiar ao equipo no partidazo contra o Navalcarnero

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

As instalacións de Clínica Baltar, patrocinador do partidazo deste domingo contra o Navalcarnero, acolleu esta mañá a rolda de prensa dos dous porteiros branquiazuis, ambos apoiados pola Clínica Dental Oficial da SD Compostela. Tanto Pato Guillén como Borja Rey mostraron a importancia de continuar con este liña das últimas semanas para regresar á senda triunfal e, ademais, reclamaron o apoio da xente para esta nova final.

O acto tivo lugar no centro de Alfredo Brañas, entidade que segue, unha tempada máis, da man do proxecto compostelanista, redobrando a súa aposta co patrocinio de ambos cancerbeiros. “Para nós é un verdadeiro pracer estar co equipo da cidade, con tanta implantación e sentimento en Santiago. Este ano falta un chisco de sorte para chegar onde todos queremos, pero están a facer unha boa tempada”, confesou o doutor Pablo Baltar.

Do mesmo xeito, o máximo expoñente da Clínica quixo animar a todos a acudir este domingo ao Vero Boquete. “Estamos moi preto de alcanzar o obxectivo de chegar ao playoff, polo que lles digo que veñan animar ao equipo, a empuxalo, porque nos fan falta alentos para dar ese paso adiante e conseguir os tres puntos. Co empuxe de todos, agardando que este domingo o estadio este practicamente cheo, seguro que podemos gañar, que é moi importante”, remarcou, á vez que animou a todos os seguidores a realizar unha revisión bucodental, “tan necesaria para nenos como para maiores”, no seu centro.

Rolda de prensa de Pato.

O punto sumado en Adarve. Sempre que sexa sumar, evidentemente, hai que tomalo de maneira positiva. Logo, da maneira que se deu o trámite e no minuto no que nos empatan, quedamos coa sensación de que puidemos sumar de tres, que se competiu ben e que se fixo un gran partido. O equipo recuperou esa esencia que tiña na gran maioría de partidos, sobre todo na primeira volta, e recuperamos cousas para meternos nunha boa dinámica.

Estado anímico co paso do tempo. O golpe, no 93, despois de ver que o Adarve non nos conseguía marcar, especialmente na xogada que pega no pau e sacámola na liña, facíanos pensar que tiñamos esa sorte que nos estaba faltando e que nos traeriamos os tres puntos. Por iso, ao acabar e na viaxe a sensación era de derrota. Hai que valoralo de maneira positiva, porque a pesar de que a segunda volta non está a ser nada boa, dende a xornada 2 estamos en playoff e non nos caemos de aí, o que di que os rivais tamén fallan, cometen erros e está todo moi igualado. Quédannos seis partidos e depende de nós.

Seis finais. Temos que agarrarnos a estas cousas positivas que recuperamos, sobre todo estes dous últimos partidos contra equipos que están arriba, ao traballo do día a día e quédannos seis finais para lograr o obxectivo.

Claves para estas últimas xornadas. A clave está en seguir recuperando sensacións, afianzar esa liña e tentar dar un paso máis, sobre todo no xogo. A partir de aí, seguir crecendo, sabendo que o Navalcarnero será un gran rival, que xoga moi ben a pelota, pero na casa temos que volver ser o equipo que fomos durante case toda a tempada e que fomos fai quince días contra o Coruxo.

Aguantar as vantaxes. A ninguén nos gusta que nos marquen, pero isto é un traballo de equipo. Cando nos marcan, márcannos a todos e cando non o facemos, non marcamos todos. É un pouco de todo, tentar aproveitar e materializar as ocasións, para non necesitar catro ou cinco para meter unha, e minimizar riscos atrás, para que non nos convertan. Hai que buscar ese equilibrio para pechar e gañar os partidos.

Rendemento de Mario. Espectacular, dixémosllo todos ao acabar o partido. Felicitámolo, porque era unha praza difícil, un campo complicado, porque os sintéticos son diferentes, contra o líder, un rival moi físico, e fixo un partidazo. En todo momento estivo concentrado, tivo a personalidade para ter a pelota, xogar e non achicarse. É unha noticia moi boa para o Compostela que xente como Roque ou Mario agora, rapaces que son de aquí, que estean a debutar.

Rolda de prensa de Borja Rey.

Partido en Madrid. Foi un moi bo partido de todo o equipo e que che empaten no último minuto déixache unha espiña cravada. En todo caso, somos conscientes de que houbo unha mellora nestes últimos dous partidos e non tivemos todo o premio que nos merecemos. Temos moitas gañas de seguir esa liña, pero cos tres puntos.

Pasos a seguir. O principal debe ser continuar coa liña actual, a cal xa a mostramos na primeira volta. Temos que mostrar o que adestramos e ir todos a unha, porque esta mala dinámica vén propiciada por un baixón nos resultados, pero co equipo mentalizado, chegarán de novo as vitorias.

Importancia do apoio do público. Cando asiste máis xente do habitual e que hai bo ambiente no Vero Boquete, agradécese moitísimo. As iniciativas do club axúdanos tremendamente, polo que animamos a todos a que veñan ao partido.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado