Partido histórico para iniciar unha fase ilusionante

  • O Compos mídese mañá ao Numancia nun partido con aroma a épocas pasadas
  • Os nosos buscarán os tres puntos, na casa, para pechar o día nas posicións nobres da táboa

Santiago de Compostela, a 2 de Abril de 2020.

A SD Compostela mídese mañá ao Numancia, un partido con aroma a épocas pasadas nas que ambos conxuntos militaban en Segunda División. Chega ao Vero Boquete un dos transatlánticos da categoría, un recentemente descendido que está empatado a puntos cos nosos na clasificación da Fase Intermedia. Polo tanto, os nosos, con ilusión e coa axuda da afección, buscarán unha vitoria que lles permita distanciar a un rival directo e pechar o día nos dous postos que dan dereito a subir á Primeira RFEF.

Unha fase moi curta. Sabemos que agora contan os puntos efectuados no primeiro tramo de competición, que partimos con desvantaxe respecto aos outros dous equipos do noso grupo e sabemos que é fundamental sumar. Se xa na primeira era importante, porque era moi curta, agora, con seis partidos, aínda máis, ao que se suma que imos con déficit de puntos respecto aos dous primeiros postos. De inicio é unha desvantaxe, pero tamén é certo que os ánimos están renovados, que somos conscientes do que fixemos e o que queremos é empezar sumando de tres e o sábado á noite vernos no máis alto, sempre metendo presión aos que xogan máis tarde.

Baixas. Primo esperamos que a semana que vén xa podamos contar con el, pero de momento seguimos os mesmos. Miki tivémolo que gardar coas cargas, do mesmo xeito que algún outro compañeiro que leva moitos minutos, pero participou toda a semana e somos optimistas.

Empezar gañando. Se o modelo para esta fase fóra cos puntos conseguidos entre eles, veriamos as cousas doutra maneira porque nos veriamos beneficiados, pero o que conta é o que fixemos en dezaoito partidos e aí imos por detrás. Non podemos pensar no que puido ser e non foi, senón no que queremos que sexa. Isto é, empezar a segunda fase gañando, volver ter boas sensacións en canto a puntos, na casa sobre todo, e tendo claro cal será o rival desta fin de semana, todo un Numancia. Se xa no noso subgrupo tiñamos auténticos equipazos, agora non será menos, e para abrir boca toca un Compostela vs Numancia que é de palabras maiores.

Un partido ilusionante. Se algo demostrou o equipo é que canto máis duro é o rival, máis motivado estamos, máis ilusión temos, máis duro traballamos e máis humildade temos para enfrontarnos a eles. Sabemos que, por nome e pasado recente en categoría profesional, o Numancia parte con certa vantaxe, pero, ao final, todo se decanta cando o árbitro pita e aí sabemos que temos moitos argumentos. Queremos atoparnos de novo coa nosa mellor versión e, a partir de aí, será un partido igualado e bonito para o espectador e creo que será unha xornada máis para desfrutar da categoría. Ver un cartel anunciando un partido, no Vero Boquete de San Lázaro, que poña SD Compostela vs CD Numancia creo que é para estar orgulloso, ilusionado e para deixalo todo no campo, sexas xogador, adestrador ou afeccionado.

Ser mellor equipo. O noso obxectivo principal xa o conseguimos, pero somos un club ambicioso e queremos pelexar con todos e por todo. O que traballamos é para ser aínda mellor equipo que na primeira fase, porque nos enfrontamos a equipos novos, distintos campos e contextos, e queremos medirnos aos mellores, polo que queremos seguir probándonos e mellorándonos a nós mesmos. Para nós é unha prolongación da primeira fase, polo que buscamos seguir crecendo, pensando só no curto prazo, que é este sábado e que os tres puntos queden na casa.

O rival. Espero un rival que se quedou fóra dos tres primeiros que era o seu principal obxectivo. É un equipo que non empezou como eles quixesen, pero levan unha segunda volta interesante, por puntos e rendemento; e agora vén con dúas semanas de descanso, coa posibilidade de preparar o partido a conciencia. Por todo iso, espérome un rival que virá a polos tres puntos, dunha entidade enorme e cunha calidade individual e grupal que está chamada a estar noutra categoría.

Potencial do Numancia. Ten xogadores de mediocampo cara adiante determinantes, xa que polo potencial de club e económico pode acceder a xogadores con moita calidade. Combina futbolistas por fóra veloces, con bo un para un, con outros por dentro con capacidade para asociarse e ter balón. Vendo os seus partidos aseméllase un pouco ao que fomos nós, en canto a levar iniciativa e enfrontarse a rivais que o agardan atrás, pero que tamén ten recursos de xogo directo e de verticalidade, polo que esperamos un equipo con varios rexistros e que nos poñerá as cousas difíciles.

Plan de partido. Creo que pode manexar os dous rexistros. Vimos partidos nos que amasaba balón, mentres que noutros eran máis verticais, e sacaban rédito en ambos. O seu adestrador fará un plan de partido, tamén co que vise do Compostela, e veremos cal é o seu plan A e o seu plan B. Temos claro no que queremos incidir esta fin de semana, no que queremos que o Numancia non sexa quen de facer e, a partir de aí, o que sexamos capaces de facer nós. Imos ter variantes tamén para contrarrestar o que eles queiran facer.

Os goles. Somos un equipo que xera moitas ocasións, polo que estaría preocupado se non as fixésemos. Bendito problema o xerar ocasións. Na xornada 3 levabamos cero goles e a seguinte metemos tres e xerabamos tamén, xuntándose coa lesión de Primo. Sabemos os xogadores que temos, a calidade en último terzo e que non é só xerado por un só xogador, senón por moitos e de diferentes zonas do campo. Por tanto, hai que seguir insistindo e tentar cada semana ser mellor equipo. Estou convencido de que o gol vai chegar e que, ademais, se seguimos xogando e facendo as cousas como ata o de agora, imos ver partidos nesta segunda fase de máis dun gol.

A polo seis de seis. Vamos con todo, a tentar facer seis de seis, iso non nolo vai a quitar ninguén da cabeza, e todo comeza esta fin de semana. A centrarnos en Numancia, quédanos un adestramento e o sábado espero que sexa un gran día para o club e todo o afeccionado do  Compos e do fútbol galego, que ademais sabemos que nos estarán vendo. Afrontamos esta nova fase con moitísimas ganas e moitísima ilusión.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado