Partidazo branquiazul para despedir unha gran primeira fase

Disparo de David Soto para marcar o gol do empate. Foto: Amadeo Rey.

  • Os nosos empataron 1-1 contra o Salamanca nun duelo no que mereceron moito máis
  • A SD Compostela pasa á Fase Intermedia con 25 puntos

Santiago de Compostela, a 28 de Marzo de 2021.

A SD Compostela despediu unha gran primeira fase, ante o seu público, cun auténtico partidazo, un duelo que acabou con empate 1-1, pero no que os nosos mereceron moito máis. Os branquiazuis dominaron o encontro co seu mellor repertorio, especialmente na segunda metade, pero non houbo fortuna nos últimos metros. Con 25 puntos, os nosos pelexarán por todo agora no segundo tramo de competición.

Do mesmo xeito que hai vinte e un días, os visitantes adiantáronse no fortín nunha xogada illada, esta vez, tras un roubo en campo contrario que acabou co tanto de Camacho. Con todo, os branquiazuis volveron levantarse, a realizar un xogo exquisito e conseguiron empatar, na segunda metade, mercé a un golazo coa zurda de David Soto. Despois, houbo ocasións de todas as cores para o Compos, pero o marcador xa non se moveu.

Coa única novidade de Josiño  no once inicial da SD Compostela, os branquiazuis despedían unha gran primeira fase no fortín. Con mil espectadores nas bancadas, os nosos buscaban un triunfo vital para a segunda fase e que lle permitise, ao mesmo tempo, poder soñar cunha posible carambola nesta xornada de transistores.

A pesar de que, como nos teñen afeitos, os compostelanistas foron os que saíron como dominadores do duelo, acompañados hoxe tamén pola forza da bancada, serían os visitantes os que abriron, aos sete minutos, o marcador, aproveitando unha acción illada.

O tanto chegou nunha xogada rápida na que Candelas recibiu en campo rival, púxoa rasa para o Puma Chávez, quen rematou de primeiras, atopándose cun paradón de Pato Guillén, con todo, a pelota quedou no aire e Camacho, chegando desde atrás, remachouna coa cabeza ao fondo das mallas.

Reaccionando rápido ao tanto visitante, tres minutos máis tarde, os nosos rozaron o empate, pero, neste caso, a pelota non quixo entrar. Bicho recibiu na esquerda, encarou a Arroyo e puxo un centro medido ao punto de penalti para a cabeza de Josiño, pero o remate do mediapunta de Bueu saíu rozando o poste.

En busca da igualada antes do intermedio, o Compos seguiu con insistencia buscando os espazos na férrea defensa visitante, que se colocou en bloque baixo para defenderse dos tiróns branquiazuis. Ante esa acumulación de xogadores, os nosos tiñan problemas para inquietar a área de Javi Benítez, aínda que conseguiron chegar en varias accións.

Primeiro, un remate de cabeza de Gabri Palmás a gol, á saída dun córner, que golpeou no tacón de Brais Abelenda e marchouse na dirección oposta. Despois, un tiro de lonxe de Bicho que atrapou o porteiro. E, por último, un disparo de Juampa, tras unha boa xogada por banda esquerda, que se marchou fóra.

Por iso, o marcador non se moveu antes do descanso e ambos conxuntos fóronse ao tempo de asueto coa vantaxe salmantina.

Á volta dos vestiarios, sabendo da necesidade de imprimirlle máis ritmo ao xogo, os nosos saíron cunha marcha máis, dándolle velocidade á pelota e movendo ao Salamanca con criterio, unha táctica que xa empezou a mostrar os seus réditos aos poucos minutos.

No 49, incriblemente, o tanto non chegou por moi pouco. Primeiro, Juampa entrou por banda e puxo un centro chut que se paseou pola área pequena e no segundo cazouna Gabri Palmás, devolvéndoa ao centro, pero dous dos compostelanistas non foron capaces de armar o disparo.

O merecido gol acabaría chegando no 53, tras unha xogada dende o curruncho. Sacaron en curto os nosos, xogárona na esquina para que Juampa a acabase colgando en posición vantaxosa, o seu centro peiteouno Brais Abelenda e David Soto remachouna ao fondo da rede coa zurda.

Sen decaer no seu empeño, buscaron o segundo con rapidez os branquiazuis. Apoiados pola bancada, fóronse a pola remonta e rozárona en pouco espazo de tempo, pero faltou puntería nos últimos metros.

No 57, Brais Abelenda foise de varios contrarios e deixouna para a entrada de Jimmy, este chegou forzado e tivo que regatear ao porteiro para volver pola desde a liña de fondo, medida ao punto de penalti, pero o remate de cabeza de Brais Abelenda, cruzado, saíu rozando o traveseiro.

E tres máis tarde, no 60, Gabri Palmás atopou o espazo na área e mandou un chut cruzado que despexou Javi Benítez. O rexeite quedou morto para Brais Abelenda na área pequena, pero o de Bembibre tivo que controlala e cando rematou o porteiro reaccionou e a pelota acabou estampándose contra o poste.

Ao acoso branquiazul sumáronse para a causa Miki e Baleato, actuando este de dianteiro centro, e a dinámica seguiu igual, cun Compos esmagando a área rival, pero sen acerto de cara á portería. No 72, o falso 9, prolongaba unha falta lateral de Saro, pero a pelota marchábase rozando o pau. E no 74, galopada de Miki con espazos, pase da morte ao punto de penalti e Saro, chegando dende atrás, mandouna fóra coa zurda.

Seguiron insistindo os branquiazuis e sería Brais Abelenda o que tería a última, nunha xogada súa de fantasía. Zafouse de dous contrarios no pico da área e pegoulle suave ao segundo pau, pero, co porteiro batido, a pelota non quixo entrar e marchouse lambendo o pau. Pola súa banda, o Salamanca tamén tería unha última, cun disparo de Fer Llorente, tras aproveitar varios rexeites, que Pato sacou, á perfección, co pé.

Sen acerto, o encontro acabou en empate, un punto máis que suman os nosos para a segunda fase nun novo partidazo. Este é o camiño a seguir para pelexar polo máximo na Fase Intermedia, un tramo de competición ao que o Compos chega con 25 puntos e sen nada que perder. Os nosos guerreiros seguirán pelexando.

FICHA TÉCNICA:

1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Saro, David Soto, Álvaro Casas, Jimmy; Pablo Antas; Gabri Palmás (Miki Villar, m.62), Bicho, Josiño, Juampa (Roberto Baleato, m.68); e Brais Abelenda.

1- SALAMANCA CF UDS: Javi Benítez; Arroyo, Sergio Ayala, Leo Sepúlveda, Candelas; Amaro; Camacho (Ernest Obeng, m.76), Fer Llorente, Sergio Molina (Nacho López, m.62), Juancho (Luis Telles, m.51); e Puma Chávez (Uxío, m.76).

Goles: 0-1: Camacho, min.7; 1-1: David Soto, min.53.

Árbitro: Gao Aladro (Asturias). Amoestou a Pablo Antas, polo Compos; e a Fer Llorente e Sergio Ayala, polo Salamanca.

Indicencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da xornada 18 do Grupo 1 Subgrupo A de a Segunda División B, último da primeira fase, disputado ante 1.000 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado