Partidazo ao grande no Vero Boquete

  • O Compos quere volver sumar de tres ante un gran Fabril, nun partido entre candidatos a todo

Santiago de Compostela, a 20 de Setembro de 2019.

A SD Compostela regresa este domingo ao Vero Boquete de San Lázaro e faino para medirse a todo un transatlántico da categoría. Compos e Fabril xogarán, a partir das 19.00 horas, un auténtico partidazo, no que os nosos esperan volver sumar de tres co apoio do seu público. Será un duelo entre aspirantes a todo, no que o fortín branquiazul debe xogar un gran papel.

“Nós imos a polos tres puntos e xogando na casa aínda máis, queremos seguir coa xeira de vitorias aquí”, sentenciou Yago Iglesias na rolda de prensa previa.

O corpo técnico santiagués sabe das dificultades que entraña este choque, pero tamén ten claro das calidades dos seus xogadores. “Coñecemos as súas potencialidades, pero tamén sabemos as nosas e en San Lázaro estamos a render a un nivel moi alto, polo que temos moitas posibilidades e hai que sacar proveito de xogar en casa”, matizou.

En canto ao rival, o técnico valora tanto as habilidades de cada xogador, como o nivel físico de todos. “Son futbolistas con proxección do primeiro equipo, moitos deles realizaron a pretempada cos de Segunda e teñen outro ritmo de xogo e calidade, polo que falamos dun dos claros candidatos a todo nesta competición”, analizou.

As súas capacidades de adestramentos, a vinculación a un equipo profesional, o seu orzamento, o material ou o equipo humano fortalecen a este grupo. “Destaca a súa calidade individual, pero tamén o potencial a nivel técnico e físico, sendo un equipo que está os 90 minutos correndo e cun ritmo superior para a categoría”, sinalou.

Con todo, o adestrador santiagués avisa do estilo de xogo compostelanista, cun ritmo, do mesmo xeito, moi alto. “Somos un conxunto que lle damos outra intensidade ao partido e ao balón, como así o din outros adestradores, polo que haberá que ver quen ten a pelota, quen leva o patrón de xogo e quen está máis entoado de cara ao gol”, avisou.

Precisamente, neste último aspecto, e agardando un partido moi igualado, Yago lembrou a súa premisa de efectividade. “Falar só de finalización é ventaxista, pero se seguimos neste nivel, como o día do Barco, xerando tantas ocasións, confórmome co 50% de acerto”, rematou.

Aínda así, esta tarefa, que marcou a primeira derrota do curso, non será a única a ter en conta. “Temos moita marxe de mellora na definición, pero despois está a parte na que non tes o balón, sobre todo contra un equipo como o Fabril, polo que haberá que estar moi acertado na fase defensiva para non encaixar”, comentou.

Con todas esas premisas claras, prepararán o choque atendendo ás distintas variantes que se poidan dar, celebrando para esta causa o regreso paulatino dos lesionados. “Sergio xa completou hoxe o adestramento, Hugo fixo toda a semana e Alberto tamén, polo que poderían entrar na convocatoria”, concluíu.

Os dezaseis que finalmente sexan da partida loitarán por manter o fortín a salvo e ampliar a senda como local, sumando tres puntos moi importantes entre dous rivais aspirantes a todo. O apoio da afección debe ser crucial para que os branquiazuis leven os tres puntos.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado