Parapar: “Son un xogador que confía moito en si mesmo e que tenta facelo o mellor posible para o ben do equipo”

De esquerda a dereita: Roberto Vilela, Parapar, Miguel Márquez e Ramón Castro, director das relacións institucionais do club.

  • O atacante coruñés foi presentado esta tarde nas instalacións de Márquez e Vilela, o seu patrocinador oficial

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2021

Juan Manuel Parapar foi presentado esta tarde como novo xogador da SD Compostela nas instalacións de Márquez e Vilela Carpinteiros, o seu patrocinador oficial. O atacante coruñés, que regresa a Galicia despois de nove anos en Suíza, mostrou as súas primeiras impresións como novo futbolista branquiazul, destacando a oportunidade que lle brinda o Compos de mostrar as súas calidades en España e valorando o traballo da pretempada para chegar o mellor preparados posibles á liga.

Ademais, o acto tamén serviu para dar a coñecer o patrocinio de Márquez e Vilela (Rúa das  Palmeiras, 65-A, Polígono Novo Milladoiro), carpintería que entra esta tempada na familia de empresas da SD Compostela. Da man dos seus dous socios, Miguel e Roberto, explicaron o seu apoio ao proxecto compostelanista.

“Somos do Compos de sempre e, ademais, o meu fillo (Izan Márquez) fichou este ano no Compostela. Por iso, e co obxectivo tamén de aumentar o aspecto publicitario, decidimos apostar polo Compos, achegando a nosa axuda, co desexo de que ao club lle vaia o mellor posible”, sinalou Miguel Márquez. Ademais, tamén explicaron a súa actividade comercial. “Márquez e Vilela é unha empresa de carpintería que traballa a medida, con produtos exclusivos e que busca deixar ao cliente o máis satisfeito posible”, resumiu Roberto ‘Tito’ Vilela.

Declaracións destacadas.

Sensacións. Teño que adaptarme ao equipo, estamos con gañas de empezar e ir paso a paso, porque o meu obxectivo persoal sería ascender co Compos.

Marcha a Suíza. Daquelas, o fútbol tíñao aparte. Tiña familia alá e fun para traballar, pero despois xurdiume a oportunidade de xogar. Empecei en cuarta división e fun ascendendo ata ser profesional en Segunda División. Con todo, como tiña gañas de volver á casa, tiven a opción do Compos e non mo pensei. O club dáme a oportunidade de mostrar aquí o meu nivel e de que podo xogar o máis alto posible en España, polo que se verá co tempo se foi a decisión correcta.

Vida en Suíza. Fórmaste como persoa, aprendes idiomas (falo francés, italiano e portugués)… Suíza veume moi ben para madurar e ser quen son, pero síntome español e alí mantiña os costumes de aquí, como na hora para comer.

Oportunidade do Compos. En Galicia teño á miña familia e quero establecerme aquí, polo que vin que era unha boa oportunidade a do Compos.

Desexo de volver a Galicia. Sempre quixen volver, pero xogando coma profesional en Suíza, quería volver a un club con ese status. Non quería baixar moitas categorías, por iso cando me ofreceron o  Compos, sendo á beira de casa e cun proxecto ambicioso, interesoume e vinme.

Diferenzas entre países. Ao final é fútbol. Vereino co paso dos partidos, pero a primeira impresión é que en Suíza era un xogo máis directo, máis físico, mentres que aquí é máis táctico, con moita máis posesión que alí.

Estilo de futbolista. Son un xogador que lle gusta ir ao espazo, encarar no un para un e tirar a portería.

Asociación cos compañeiros de ataque. Por desgraza, tiven unhas molestias no tendón rotuliano que me fixeron parar, polo que aínda non coñezo moi ben aos meus compañeiros de ataque. Con todo, temos un equipo de moita calidade, os goles van chegar e aos poucos vou coñecer mellor os movementos dos meus compañeiros e eles os meus. Supoño que non tardaremos moito en adaptarnos os uns aos outros.

Relación con Rodri. Con Rodri, nos adestramentos, temos unha relación moi boa, moi sa, moi humana, onde nos dicimos o que pensamos e estou moi contento con el.

Pretempada. A pretempada sempre é difícil. Ás veces gañas todo e chegas á liga e perdes, mentres que outras son ao revés. Ao final é unha pretempada e o que hai que facer é prepararse ben fisicamente, coller boas sensacións como equipo e tamén individuais para poder achegalas ao grupo para competir na liga.

Molestias. Os tendóns non son coma os músculos, dóeche, non sabes canto che vai a durar e só che queda traballar no ximnasio e habitualo á carga necesaria. Ségueme molestando un pouco, pero pasará co tempo. Cando teño un partido no que o forcei, ao día seguinte, ata que quento, síntoo un pouco máis.

Estado físico. Creo que fisicamente me queda gañar un pouco para poder estar para noventa minutos, fáltanme dúas ou tres semanas para estar plenamente preparado. Para trinta, corenta ou sesenta minutos estou, pero de momento para noventa non.

Sensacións no campo. Son un xogador que confía moito en si mesmo, nas miñas calidades e que tenta facelo o mellor posible para o ben do equipo, aínda que non me sinto ao 100% nin tampouco ao ritmo que me gustaría.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado