Parapar, calidade e desborde para a SD Compostela

  • O atacante coruñés volve a Galicia tras facer carreira futbolística en Suíza
  • Pode sumar nas tres posicións da fronte do ataque e firma por unha campaña

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

Juan Manuel Parapar (A Coruña, 14/05/1991) é novo xogador da SD Compostela para a tempada 21/22. O atacante zurdo coruñés asina por un ano procedente do Neuchâtel Xamax FCS, conxunto que milita na Challenge League (Segunda División) de Suíza. Tras unha longa carreira deportiva en terras suízas, Parapar regresa a Galicia para achegar calidade e desborde ao Compos na Segunda RFEF.

Parapar destaca por ser “un xogador zurdo de enorme calidade, que pode actuar tanto por ambas bandas como por detrás do dianteiro”, apunta a dirección deportiva. Ademais, tamén posúe “un bo trato de balón, un gran golpeo e unha gran capacidade para o caneo e o desborde”, calidades todas elas que chamaron a atención do club para a súa incorporación.

Na súa carreira futbolística en Suíza, Parapar foi escalando nas diferentes categorías nacionais, comezando na Liga Group 2 (Cuarta División), en 2013, e chegando ata a Challenge League (Segunda), na que militou nas dúas últimas campañas.

Deste xeito, pasou polo FC Serriéres NE, Yverdon-Sport FC (dúas campañas), FC Azzuri LS 90, SC Düdingen, FC La Chaux-de-Fonds, FC Stade-Lausanne-Ouchy (dous cursos, ascenso incluído) e Neuchâtel Xamax FCS. En total, suma máis de douscentos encontros en equipos suízos, anotando máis de corenta goles.

No que respecta á última tempada, no Neuchâtel Xamax FCS, disputou 33 encontros de Liga, sumando máis de dous mil minutos de xogo, nos que anotou dous goles e asinou catro asistencias.

Coa súa fichaxe, a SD Compostela conta xa con catorce xogadores con contrato para a Tempada 2021/22: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas, Josiño, Rafa Mella, Juan Manuel Parapar e Primo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado