Pablo Durán, xuventude e velocidade para o ataque branquiazul

  • O dianteiro de Tomiño ficha polo Compos tras unha gran campaña no Porriño Industrial
  • No seu primeiro ano sénior, anotou nove goles en dez partidos na Preferente Sur

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021

Pablo Durán Fernández (Tomiño, 25/05/2001) é novo xogador da SD Compostela para a Tempada 2021/22. O dianteiro tomiñés ficha pola entidade branquiazul logo de despuntar no Porriño Industrial, da Preferente Sur, no seu primeiro ano sénior. O prometedor xogador sub-23 firma por dúas campañas na capital galega.

Pablo Durán destaca, a pesar da súa mocidade, por ser “un dianteiro con gran capacidade goleadora, con moita mobilidade pola fronte do ataque e habilidade para desmarcarse ao espazo, moi rápido e que se adapta tanto a xogar de referencia coma na banda”, apunta a dirección deportiva da SD Compostela.

Estas calidades, sumado á súa gran campaña no equipo do Lourambal, chamaron a atención da entidade branquiazul para afrontar a súa fichaxe.

Precisamente, nas filas do Porriño, estreándose no club e na categoría, acumulou 744 minutos de xogos nos dez partidos de Liga que se disputaron. Deles, xogou oito coma titular e anotou nove goles, quedando como pichichi de todos os subgrupos de Preferente.

Anteriormente, nas categorías inferiores, Pablo estivo vinculado ao equipo da súa localidade, a AD Tomiño. Alí, nas súas dúas últimas campañas en idade xuvenil asinou 16 e 21 goles, respectivamente, o que lle permitiu ter a oportunidade de debutar en Preferente.

Coa súa fichaxe, o Compos dispón de dezaseis xogadores con contrato para a Tempada 21/22 en Segunda RFEF: Pato Guillén, Borja Rey, Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Joel, Jimmy, Samu, Roberto Baleato, Pablo Antas, Fer Beltrán, Josiño, Rafa Mella, Juan Manuel Parapar, Pablo Durán e Primo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado