Pablo Durán recibe o trofeo Jugador Cinco Estrellas da Tempada 21/22

  • O atacante de Tomiño, gran revelación da campaña da SD Compostela, foi elixido pola afección cos seus votos a través de Twitter

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022

Pablo Durán recibiu este xoves o trofeo que o acredita como o Jugador Cinco Estrellas da SD Compostela na Tempada 2021/22. Mercé aos votos da afección na enquisa realizada en Twitter, o atacante de Tomiño, gran revelación do curso no plantel branquiazul, foi designado como o gañador deste galardón promovido por Mahou, co que se premia ao mellor futbolista da campaña.

Sen importarlle o salto de dúas categorías, dende Preferente ata Segunda RFEF, a nova estrela branquiazul, que a próxima semana cumprirá 21 anos, demostrou un nivel espectacular desde o inicio de ano, o cal mantivo ao longo dos nove meses de competición. A pesar de ser o seu segundo curso como sénior, destacou o seu labor tanto na punta do ataque como tirado a unha banda, cun gran olfacto goleador para atacar a portería rival.

Así, Pablo Durán pechou o seu primeiro ano no Compos con 32 partidos xogados (17 como titular), para un total de 1,787 minutos, nos que marcou oito goles, todos eles decisivos, así como un par de asistencias. Neste sentido, todos os seus tantos serviron para abrir o marcador ou ben para tomar vantaxe tras un empate. Cabe destacar, por exemplo, a súa primeira diana, na estrea en Pasarón, o seu dobrete en Llanera ou os golazos marcados contra o Langreo, Arousa ou Ceares.

Todo iso levoulle a sumar eloxios de compañeiros e rivais, así como a gañarse o agarimo da bancada, circunstancia esta que quedou patente á hora da elección do Jugador Cinco Estrellas, xa que superou amplamente en votos aos outros candidatos, nunha iniciativa promovida por Mahou, patrocinador, unha tempada máis, da SD Compostela.

Coa entrega deste premio, Mahou demostra o seu compromiso e o seu fiel apoio ao club. O Jugador Cinco Estrellas é un premio moi especial co que se quere recoñecer, por unha banda, aos xogadores máis destacados, e por outro, aos seus afeccionados, que son os encargados da elección.

ENTREGA EN MARIE MINER.

Acompañado de compañeiros de equipo, corpo técnico, directiva e afeccionados da SD Compostela, Pablo Durán recibiu o trofeo de mans de Beltrán Vázquez, delegado de Mahou San Miguel en Santiago, nas instalacións de Marie Miner – Restaurant & Gastrobar, na Rúa do Franco.

Ante os medios de comunicación presentes, o atacante tomiñés quixo agradecer a Mahou a organización do trofeo e aos afeccionados “por votarme”. Así mesmo, destacou que “é un orgullo que me nomeasen para gañalo, xa que non me agardaba poder conseguir estas cousas a principio de tempada”.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado