Pablo Durán: “En canto consigamos os tres puntos mirarase todo doutra maneira”

De esquerda a dereita: Ramón Castro, Jorge Míguez, Pablo Durán e Javier Míguez, en La Bodeguilla de San Lázaro.

  • O atacante de Tomiño destacou que o equipo ten que seguir a liña de dominar os partidos para volver á boa senda

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022

A SD Compostela ten este sábado unha nova reválida no Estadio Román Suárez Porta. O duelo contra o Real Avilés Industrial abriralle unha nova posibilidade de desquitarse da súa mala dinámica. Con este propósito, o equipo branquiazul viaxará convencido de que realizando o seu xogo habitual poderá conseguir o obxectivo desexado.

Esta mañá, nas instalacións da Bodeguilla de San Lázaro, patrocinador do xogador e da visita a terras asturianas, Pablo Durán analizou a previa do choque, destacando a importancia de dominar o partido para sacar os tres puntos.

No acto, o atacante de Tomiño estivo acompañado de Javier Míguez, xerente do grupo hostaleiro compostelán que segue un ano máis apoiando o proxecto compostelanista. “Sempre estivemos moi ligados ao deporte en Compostela. Apoiamos a varias entidades deportivas e, como non, ao Compos. É un pracer apoiar ao club e supón devolver á cidade todo o que nos dá. É un pracer arroupar ao Compos e a Pablo Durán, que xa nos deu cinco goles e é un luxazo”, destacou Javier Míguez.

Rolda de prensa de Pablo Durán.

Mala dinámica. Estamos nunha dinámica complicada e negativa, na que pequenas cousas están a afectarnos. Non é unha soa, porque senón dariamos nesa tecla e xa o cambiariamos.

Tentar cambialo canto antes. A si son as malas dinámicas, que necesitas cinco ocasións para marcar unha e os rivais con dúas, márcanche. É unha mala dinámica que temos que cambiar canto antes e estou seguro que en canto consigamos os tres puntos miraranse as cousas doutra maneira.

A cabeza. Aféctanos a todos. A nivel de confianza, por exemplo, saes ao partido que te queres comer todo, pero ves que as cousas non saen e a cabeza dá voltas. No momento no que fagamos dous partidos bos, conseguindo os tres puntos, sentíndonos identificados co realizado toda a tempada, cun xogo que poñamos nós, mirarase doutra maneira.

As ocasións. Non son tan malos os partidos, como están a ser os resultados. Por poñer un exemplo, en Adarve empátannos no último minuto, que se chegamos a gañar miraríase todo diferente e chegariamos contra o Navalcarnero doutra maneira. O outro día tamén tivemos ocasións para empatar e mesmo sacar os tres puntos, pero de cara ao gol necesitamos moito para poder marcar.

Ser dominadores. Temos que xogar o noso xogo, independentemente do rival. Somos o Compostela, temos a calidade suficiente para levar as rendas de todos os partidos. Foi así durante toda a tempada, excepto se cadra contra o Pontevedra, e ten que seguir sendo así.

Poñerlle remedio á situación actual. Seguimos saíndo coas mesmas ganas e ideas, pero as dinámicas negativas son difíciles de xestionar. Está todo ben, pero de súpeto aparecen falliños que nos penalizan. En todo caso, non creo que sexa algo máis que unha mala dinámica que se está prolongando moito, polo que temos que remedialo canto antes.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado