Pablo Durán: “O ano pasado soñaba con xogar a este nivel e agora estou aquí”

De esq. a der.: Miguel Fernández, director de márketing da SD Compostela, Carlos Brea, Pablo Durán e Jorge e Javier Míguez.

  • O atacante compostelanista foi presentado esta tarde na Bodeguilla de San Lázaro, o seu patrocinador oficial

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021

Pablo Durán foi presentado esta tarde como novo xogador da SD Compostela na Bodeguilla de San Lázaro. O mozo atacante, que chegou ao club procedente do Porriño Industrial, mostrou as súas primeiras impresións como compostelanista, destacando o soño que está a vivir coa oportunidade de xogar na Segunda RFEF e nun estadio coma o Vero Boquete.

Así mesmo, o acto serviu para coñecer o patrocinio oficial da Bodeguilla de San Lázaro, establecemento que regresa á indumentaria branquiazul para apoiar ao proxecto. “O Grupo Bodeguilla de Santiago leva anos apoiando o sector deportivo da cidade. Levamos tempo apoiando ao Compos, ao Obradoiro e algún outro club máis modesto, polo que é un pequeno detalle que temos co deporte da cidade. O que agardamos deste ano é que Pablo Durán marque moitos goles e que o Compos se manteña arriba”, valorou Javier Míguez, xerente do grupo.

Ademais, ao mesmo tempo que firmou que convida a Pablo Durán a unha cea por cada gol que marque, valorou o que está sendo este 2021. “Este 2021 está sendo un ano complicado. Si que é certo que o terceiro trimestre, grazas ao verán, estase traballando ben con turistas, sobre todo nacionais, pero temos a incerteza do que pasará de outubro en adiante”, salientou.

Declaracións destacadas.

Cambio de categoría. Estou nun proceso de adaptación ao ritmo. Hai moitas novidades para min porque hai moita diferencia, pero penso que con tempo, con minutos e con rodaxe podo adaptarme e agardo sacar o mellor de min.

Un soño. Xogar no Vero Boquete é unha loucura. O ano pasado e os anteriores vía pola galega os partidos do Compos, e dos outros equipos da categoría, e soñaba con xogar neste nivel algún día. Consigo estar aquí, saio ao Vero Boquete, con esas instalacións, con ese céspede e con esa afección….é unha sensación que non se pode describir.

Proceso de adaptación. Non é o mesmo o meu caso que o dunha persoa que leva xogando aquí tempo, porque se coñecen os movementos ou como se comportan. A min teñen que coñecerme, coñecelos eu tamén, polo cal hai un proceso que estou pasando e que agardo pasar o máis rápido posible.

Ser un máis. O meu obxectivo a nivel persoal é ser un máis no equipo. Creo que aos poucos estou adaptándome ben, os compañeiros son marabillosos, o corpo técnico é espectacular e por iso que oxalá poida ser un máis e o que veña, benvido sexa.

Compañeiros de ataque. Na zona de ataque hai moita xente e moi boa, polo que o que teño que tratar é aprender deles, preguntar dúbidas e ver como o fan para poder facelo eu. Son xente con moita experiencia nestas ligas, cun ritmo e unha capacidade de pensar das que carezo pola falta de experiencia. Por iso, teño que aproveitar os exemplos que teño diante para aprender.

O grupo. En canto aos compañeiros, sorprendeume a súa proximidade, confían moitísimo en min, mesmo máis ca eu mesmo. Danme moita confianza, tanto o corpo técnico coma os compañeiros, o cal é marabilloso. Non agardaba que se portasen tan ben comigo e iso axuda moito.

Sensacións. Os resultados da pretempada non reflexan as sensacións que tivemos. Penso que as sensacións son boas, temos boa actitude e esta última vitoria, antes de comezar a liga, foi marabillosa. Afrontamos a liga doutra maneira.

Marcar goles. Obviamente, non é moito máis complexo marcar goles aquí que en Preferente ou cando era xuvenil. Sempre fun un xogador que de cara a gol tiven acerto. Acabei de máximo goleador na Liga Galega cando estaba en xuvenís e tamén de Preferente. O tempo dirá o que pasará e a ver se consigo traspasar o que fixen alá a aquí.

Esforzo individual. Vou facer todo o posible por xogar, iso téñoo clarísimo, vou a dar o máximo de min e se podo ter a oportunidade de xogar vou a dar o 100%. Iso é indubidable, a actitude nunca vai a faltar pola miña parte.

Posición no campo. Estou máis cómodo de dianteiro, porque nos últimos anos foi a miña posición. Con todo, o caso é ter minutos, creo que de extremo podo adaptarme tamén. O importante é ter minutos e axudar ao equipo co que sexa.

Obxectivo do equipo. Na miña opinión, o primeiro ten que ser manter a categoría e, a partir de aí, todo o que veña e todo o que poida ser, benvido sexa.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado