Pablo Crespo: “As sensacións son positivas para a final contra o Arenteiro”

Ramón Castro, Pablo Crespo e Ramón Salgado, xerente de Limpiezas Salgado, na sede do patrocinador oficial do central cántabro.

  • O central foi presentado en Limpiezas Salgado, o seu patrocinador oficial

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2022

Pablo Crespo, o novo central da SD Compostela, foi presentado esta mañá na sede de Limpiezas Salgado, o seu patrocinador oficial esta campaña. O futbolista cántabro, que chegou procedente do Coruxo este verán, fixo un balance da súa pretempada co equipo, destacando ademais a final da fase autonómica da Copa RFEF contra o Arenteiro, este sábado, en Portonovo.

No acto estivo acompañado por Ramón Salgado, xerente da empresa de limpeza que, unha tempada máis, estará a apoiar o proxecto do club.

Sensacións na pretempada. As sensacións son boas, tanto a nivel persoal como colectivo, chegamos preparados para o primeiro partido liga. O partido de mañá é unha final e temos sensacións positivas.

Traballo no Compos. O míster pídeme seguridade defensiva e intensidade, na liña do que piden todos os adestradores e do que viña facendo ata o de agora.

Compartir zaga con Álvaro Casas. Xa coincidiramos no Celta B, tiñamos unha moi boa relación de atoparnos todos estes anos xogando en contra e moi ben, porque cho fai todo máis sinxelo.

Final da Copa RFEF. Non é un amigable, é competición, unha final e temos que ir a gañala, sobre todo porque pasariamos á Fase Nacional que nos podería levar á Copa do Rey.

Encontro en Portonovo. Creo que será un partido moi igualado, típico de pretempada, con moitos duelos individuais, nos que temos que saír vencedores para poder levarnos o partido.

Claves do Compos este ano. Creo que temos capacidade para facer dano en varias facetas. Defensivamente estamos a traballar ben e ofensivamente temos xogadores de moita calidade que nos poden achegar moitas cousas.

Inicio de Liga. Agora mesmo estamos centrados na final de mañá e logo xa tocará ir a Oviedo coa máxima ilusión, sabendo que temos que empezar ben a liga, porque se comezas ben, logo é máis levadío.

Grupo 1 da Segunda RFEF. Creo que será unha liga moi igualada. Seguro que haberá algunha sorpresa que estará arriba e logo si que hai equipos con moi bos planteis, pero nós temos que ser un equipo dominante na categoría.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado