Pablo Antas recibe o premio ao Xogador Cinco Estrellas da Primeira Volta

Pablo Antas recibiu o premio no Vero Boquete antes de comezar o partido.

  • O mediocentro de Monterroso foi designado pola afección cos seus votos en Twitter e recolleu o galardón antes do inicio do derbi desta fin de semana no Vero Boquete de Santiago

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022

Pablo Antas recolleu onte o premio que o destaca como o Xogador Cinco Estrellas da Primeira Volta da SD Compostela, un galardón promovido polo noso patrocinador Mahou e que pon en valor o seu extraordinario traballo durante o que vai de curso. Designado pola afección cos seus votos na enquisa realizada en Twitter, o mediocentro de Monterroso recibiu unha calorosa homenaxe durante a entrega, levada a cabo antes do inicio do derbi desta fin de semana no Vero Boquete de Santiago.

No que vai de campaña, a súa terceira no Compos, o futbolista lucense leva disputados 14 partidos, trece deles como titular, sendo peza fundamental nos esquemas de Rodri, pola súa capacidade para ser a áncora do equipo, manexando e levando o control do xogo branquiazul. Ademais, suma xa dous goles, ambos de penalti, unha das especialidades de Antas.

Este gran rendemento, o cal mantén dende a súa fichaxe polo club, fixérono merecedor, por primeira vez, do galardón do Xogador Cinco Estrellas, despois de superar na votación ao capitán do equipo Álvaro Casas.

Pablo Antas quixo agradecer aos afeccionados o seu agarimo pola confianza que depositan nel e o apoio que recibe día tras día, destacando que seguirá traballando todo o posible para o ben do equipo, co propósito de levar á SD Compostela o máis alto posible. Con esta premisa, renovou o seu contrato durante o Nadal para dúas tempadas máis.

Con este galardón, Mahou demostra o seu compromiso e o seu apoio fiel ao proxecto do Compos. O Xogador Cinco Estrellas é un premio moi especial co que se quere recoñecer, por unha banda, aos xogadores máis destacados, e por outro, aos seus afeccionados, que son os encargados da elección e que onte puideron gozar, en primeira persoa, da entrega a Pablo Antas.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado