Pablo Antas: “Queremos recuperar sensacións, preparar ben o partido do domingo e ir alá a gañar”

  • O mediocentro compostelanista non pensa máis alá do partido contra o Marino e sumar de tres

Santiago de Compostela, a 7 de abril de 2021.

Pablo Antas analizou esta mañá o partido deste domingo contra o Marino de Luanco. O mediocentro de Monterroso non quere pensar máis alá dese encontro e caer en posibles conxecturas do que resta da fase. A clave di, pasa por recuperar as boas sensacións do equipo, preparar ben o duelo e ir a terras asturianas a gañar.

Nivel de forzas. Os resultados, o de empezar por detrás, son moitas xornadas, levamos tempo, pero creo que é algo máis mental, porque cando non se gaña todo se magnifica. É un tema mental, o equipo viña radiando a un nivel alto e cando o baixas é algo máis visible, pero dende dentro temos claro que quedan cinco finais e, se ben este último mes non foi o mellor en canto a sensacións e resultados, pero pasamos páxina e temos gañas de encarar estes últimos cinco partidos.

Obxectivos. Tiñamos claro cal era o obxectivo principal, que xa está logrado e xa pasou, pero despois marcámonos o seguinte, que é tentar quedar entre os dous primeiros nesta fase, sabendo da dificultade que ten. Agora mesmo, non podemos pensar máis alá do partido deste domingo, de intentar recuperar esas sensacións e esa frescura, ese é o obxectivo que nos poñemos. Queda un mes escaso de competición e queremos acabar o ano coas boas sensacións que levamos durante toda a tempada.

O plantel. Hai lesións e sancións en todos os lados. Estou encantado co plantel, con todos os compañeiros e penso que é a mellor de todos os grupos. En canto a concepción, é algo que se valora dende fóra, pero dende dentro estamos encantados, temos un grupo fantástico e adestramos moi ben todos os días, non pensamos noutra cousa.

Recuperar sensacións. Se queremos ter algunha opción, temos que gañar este domingo, polo que non podemos pasar máis alá. As tres primeiras prazas están ocupadas polos teóricos favoritos, pero todo pasa por sumar de tres contra o Marino de Luanco. Non ten sentido falar agora de cinco partidos, se o domingo non logramos os primeiros tres. Non debemos caer nesas conxecturas, queremos recuperar sensacións, preparar ben o partido do domingo e ir alá a gañar.

Centrarse no domingo. O partido do domingo pode ser chave, pero todos vamos a xogar contra todos neste sistema. É un formato rápido, exprés, os puntos apreman, pero repito, centrarse no domingo e en Miramar.

Estadio Miramar. Xoguei co Somozas alí, un campo de herba natural, no que o seu estado depende da época do ano. En inverno era un campo moi pesado, agora mesmo non sei como está, pero é o terreo que nos toca e hai que adaptarse. Eles xogan na casa e terano estudado, pero chegaremos alí, estudaremos como vai a ser o partido e, a partir de aí, intentaremos competir nas mellores condicións.

O Marino. Vin algúns fragmentos de certos partidos e algo do encontro de Riazor. Coñezo a moitos xogadores, con moitos partidos na categoría e será un rival complicado.

Igualdade. Todo o mundo pon as cousas moi difíciles, cada día o fútbol está máis igualado. Se non preparas ben un partido ou non estás ben sofres contra calquera. Estamos en Segunda B, Fase Intermedia, seis equipos que estamos aí por méritos propios, eles quererán manter esa xeira de resultados na súa casa e será moi complicado.

Inicios de partido. Nos últimos encontros encaixamos gol, pero son situacións do xogo. A parte positiva é que nunca nos vimos abaixo, tentando levar o plan de partido ata o final. Hai días que che alcanza, outros non e o outro día vimos a un gran equipo en San Lázaro, que nos puxo as cousas moi difíciles e non xeramos ese volume de ocasións que si acadamos noutros partidos. É un hándicap máis que temos que evitar, eses inicios son importantes, todos os equipos están moi fortes cando se poñen por diante, todo o mundo sabe gardar a roupa, polo que temos que tentar mudalo e que non suceda.

Pablo Antas no partido contra o CD Numancia. Foto: Damián Avilés.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado