Pablo Antas: “Queremos que chegue o domingo e volver gañar na casa”

De esquerda a dereita: Pablo Antas, Sonia Pena e Antonio Quinteiro, coas camisetas e cartel co patrocinio de Sonia Pena Peluquería.

  • O mediocentro analizou a previa do partido en Sonia Pena Peluquería, o seu patrocinador e do duelo ante o Leganés B

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

Recuperándose dunha lesión que aínda non lle permitiu debutar neste 2022, Pablo Antas está cada vez máis preto de reaparecer coa SD Compostela. Co desexo de axudar ao equipo e vendo aos seus compañeiros dende fóra, analizou esta mañá a situación do equipo e a previa do encontro ante o Leganés B. O mediocentro céntrase en recuperar a boa senda no fortín, trala derrota da xornada pasada.

O acto tivo lugar en Sonia Pena Peluquería, o seu patrocinador oficial e do duelo deste domingo ás 12.00 horas no Vero Boquete. Nas súas instalacións, na Rúa da Devesa, Sonia Pena, propietaria do establecemento remarcou que están encantados de seguir apoiando ao Compos e de levar o seu nome nun xogador tan importante como Pablo Antas.

Declaracións destacadas.

Semana trala derrota. É verdade que esta tempada só tivemos dúas derrotas, pero sabemos que é cousa do fútbol, levamos tempo nisto e con gañas de que chegue o domingo porque temos gañas de ganar outra vez.

Diferenzas entre partes. Creo que evidentemente a primeira parte foi moi boa, na que só concedemos un tiro de Carmona ao final. Xogamos moito tempo en campo rival, tivemos moitas situacións de centros, sobre todo polo lado de Parapar, balón parado e o equipo estaba ben. Con todo, xogas fóra, os equipos apertan, a través dese xogo directo fixéronnos dar uns pasos atrás e non fomos quen de gañar esas segundas xogadas para poder saír. Cando te empuxan e non es quen de facerlles dano, vanse crecendo, embotellándote e o outro día pasou algo así.

Perder a vantaxe. A materia pendente deste ano é que en moitos partidos nos puxemos por diante e non fomos quen de aguantar a vantaxe. O outro día, dende fóra, ao descanso, parecíame complicado e que tiña que mudar todo moito na segunda parte para que non sumásemos ningún punto, pero son cousas que pasan e agardamos aprender deses erros, porque ao final custan puntos.

Xogadas a balón parado. O balón parado dá moitos puntos, tanto nesas xogadas como nos contragolpes son onde se marcan máis goles. En todo caso, sería vantaxista falar do balón parado, porque encaixamos moi pouco este ano nesas accións e metemos moitos máis. O ano pasado non recordo moitos desa forma e este ano si. Foron dúas accións puntuais o outro día, hai que defendelas moito mellor, pero é un computo de todo.

Compañeiros no posto. Hai moitos xogadores que poden dar ese perfil de equilibrio, non igual que o meu, porque cada un ten as súas características, pero tanto Samu como Róber apórtanlle tamén ao equipo. Falando de Róber, o outro día, xogou un moi bo partido e deunos esa situación de equilibrio no centro do campo. Pero son máis cousas, porque o equipo non é un só, cada un aportamos o que temos e cada fin de semana hai que xuntar aos once que mellor están para xogar e gañar.

A clasificación. O meu pensamento é cada semana gañar para sumar tres puntos e estar máis preto de estar arriba. O Adarve fai o seu traballo, lévanos moitos puntos e non podemos estar a pensar no que fan os demais, porque se ti non gañas, da igual o resto. Hai que centrarse en nós, en sumar puntos, quédannos moitos partidos, un máis que moitos equipos, e o que queremos, sobre todo na casa, é volver sumar.

Diferencia co sexto. As segundas voltas son complicadas para todos e costa máis gañar. Presión? A mesma do principio de tempada. Non sei se firmabamos estar loitando a estas alturas polos primeiros postos, pero eu o que quero é estar aí ao final. Para iso, hai que ir sumando polo camiño.

Os empates. Ás veces é mellor perder e gañar, que empatar tres partidos. As igualadas dan dúas lecturas: que somos un equipo difícil de bater, pero que tamén nos costa sacar os partidos. Somos conscientes de que se non estamos ao cen por cen, nos costa gañar, como a todos.

O Leganés B. Na primeira volta gustoume moito, a verdade. Foi outro partido que perdemos dous puntos, cun xogador máis e minuto 88, situacións parecidas ás de máis veces este ano. Rival moi físico, moi dinámico, talento individual arriba, típico filial que adoita acabar ben as tempadas. Están aí arriba porque son un moi bo equipo.

Aprendizaxe do partido da primeira volta. Creo que no partido de alá estivemos moi ben durante moito tempo, fomos quen de xestionar o balón e de xogar ao ritmo que máis nos conviña, porque eles se teñen espazos para correr son moi perigosos. Polo cal, un partido que o ritmo o marquemos nós, que saibamos ao que queremos xogar e non lle deixamos correr moito será clave.

Estado físico. Estou mellor. O luns xa adestrei unha parte no grupo. É unha lesión complicada, porque semella que non avanzas, que segues tendo algo de molestia que che impide estar ao 100%, pero hai que darlle tempo e adestramentos. Cada día atópome mellor e se podo chegar ao domingo para axudar ao equipo, perfecto.

Ver ao equipo dende fóra. Lévoo peor dende fóra. Súfroo máis, porque che gusta estar dentro. Se xa no campo non dependen de ti moitas cousas, dende fóra menos. Entón, pouco podo facer.

Mellor xogador da primeira volta. Anecdótico, non me gusta moito o dos premios individuais en deportes colectivos. É un recoñecemento que aprecio á xente e nada máis. Estoume atopando como o ano pasado, nun contexto distinto, pero moi cómodo no grupo.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado