Os cadetes seguen sumando dobretes

Resultados-21-Xaneiro

  • Vitorias de mérito tamén do Xuvenil B, por segunda semana, e do Infantil A

Santiago de Compostela, a 22 de Xaneiro de 2019.

Nove vitorias e dous empates, ese foi o balance da fin de semana para as categorías inferiores da SD Compostela. Os mozos e mozas branquiazuis superaron todo tipo de inclemencias meteorolóxicas para xogar e pasalo ben, cultivando ademais bos resultados. Destacamos o dobrete dos equipos cadetes e os triunfos do Xuvenil B e Infantil A, pero tamén gañaron o Alevín A, os dous benxamíns, o prebenxamín B e o Biberón. Pola súa banda, o Zona Vella logrou dous empates no seu dobre envite.

En primeiro lugar, o filial compostelanista tiña esta semana un dobre compromiso como local contra Melide e San Mamed, dous equipos cos que rivaliza na táboa e cos que se mantén igual. Primeiro, o venres, empatou a un tanto despois de adiantarse no marcador por mediación de Dani Crego. Pola súa banda, o domingo, de novo como local, empatou a dous tantos. Jesús Yañez abriu e pechou o marcador nun encontro no que os nosos mereceron máis.

Quen non atravesa o seu mellor momento é o Xuvenil A. Os mozos branquiazuis están estancados nunha fochanca de resultados e este sábado volveron caer contra un rival directo. Os nosos perderon por 3-1 ante a SD O Val, con gol de Torrente, polo que se escapa a zona de ascenso a 4 puntos, algo que tentarán remediar nas próximas semanas. Pola súa banda, o Xuvenil B empezou o ano da mellor maneira posible, despois de lograr o segundo triunfo consecutivo contra un rival da parte alta. Diego Montes, Marcos Andrade, Iker Carril e Juan Amigo certificaron tres novos puntos que lles permiten aos nosos escalar na táboa.

En cadetes, do mesmo xeito que o domingo pasado, os nosos equipos sumaron dúas vitorias. O A, que segue de líder indiscutible, superou por 0-2 ao Villestro cos goles de Uxío e Pedro. Mentres, o B segue sumando de tres en tres nas últimas semanas e escala na clasificación ata o quinto posto. Esta vez venceu pola mínima, 1-0, ao Escola Estrada, mercé á diana de Parga.

Tamén acumula uns moi bos últimos partidos o Infantil A, capaz de superar por 3-6 ao EF Lalín. Brais López, por dúas veces, Pablo Pio Romero, Rubén Sande, Lois Lortes e Mateo Barros marcaron os goles para un equipo que escapa da zona de abaixo. Por contra o Infantil B perdeu por 0-3 contra o Villestro.

En fútbol 8, o Alevín A estreou o playoff de descenso con vitoria contra a ED Santiago por 3-1, para situarse na primeira posición. Mentres, o Alevín B, perdeu por 0-2 contra a UD Bastavales. Tamén mantén o liderado no playoff o Benxamín A, despois de sumar o seu segundo triunfo, noutros tantos partidos, contra o Amio. Mesmo rival e mesmo resultado logrou tamén o Benxamín. Por último, o Prebenxamín B e o Biberón debutaron na segunda fase do campionato con vitorias ante a ED Santiago e La Salle.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado