Os cadetes seguen coa súa gran dinámica

  • O Cadete A mantense na praza de ascenso e o Cadete B, líder invicto

Santiago de Compostela, a 18 de Novembro de 2019.

Unha vez máis, os equipos de fútbol-11 da base da SD Compostela demostraron o seu gran estado de forma para pechar outra xornada na que só o Xuvenil B perdeu o seu partido. Entre todos eles, destaca a contribución do Cadete A e o Cadete B, quen cos seus triunfos consolídanse nas posicións de ascenso. Tamén segue forte o Xuvenil A, líder da liga Galega, nunha fin de semana na que se sumaron oito triunfos e catro empates.

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella sumou o seu segundo empate consecutivo na visita do Estradense B. Os branquiazuis sumaron un punto grazas ao tanto de Xoel Rodríguez, no minuto 66, o cal lle permitiu achegarse un pouco máis ao liderado, aproveitando o resto de resultados da xornada. Así, confírmase a igualdade no alto da táboa.

En xuvenís, o Xuvenil A sigue como líder da Liga Galega, aínda que viu recortada a súa vantaxe tras empatar 1-1 contra o Escola Estrada. O tanto de Christian Fernández, ao comezo da segunda metade, non foi suficiente para que os nosos levasen o gato a auga. Peor lle foi aínda ao Xuvenil B, que caeu en casa ante o Dubra por 1-2. Hugo Martínez adiantou aos branquiazuis no luminoso, pero os visitantes acabaron remontando.

Na parte máis positiva dentro da canteira, a dinámica dos cadetes. O Cadete A, sustentado na súa enorme fiabilidade defensiva, volveu sumar os tres puntos mercé a deixar a portería a cero. Nesta ocasión, un solitario gol de Pablo Granja, no 48, serviulles aos nosos para levar a vitoria ante o Escola Estrada. Así, seguen na praza de ascenso directo, a tres do Deportivo B, ao que se enfrontarán a próxima fin de semana.

Pola súa banda, o Cadete B segue como líder invicto ao sumar un importante triunfo como local, 2-1, ante o Noia, un dos seus principais rivais polas posicións de privilexio. Os canteiráns levaron a contenda remontando na segunda parte, con tantos de David Porto e Rubén Sande, o que lle permite aumentar a súa vantaxe co segundo ata as tres unidades. Non o puido emular o Cadete C, que empatou 0-0 contra o Escola Estrada B, malia que segue na zona media.

E para pechar o capítulo de fútbol-11, o Infantil A sumou unha nova vitoria, por 9-2 ante o Rois, para continuar na cuarta posición. Catro dianas de Leo González, outras dúas de Anxo Fuentes e unha de Pablo Devesa, Álvaro Espasandín e Yago Vilariño certificaron o amplo marcador.

En fútbol-8, o Alevín A levou pola mínima, 0-1, o igualado choque contra o Dubra, para seguir enganchado á parte alta da liga. Tamén sumou de tres o Benxamín A, ante o Compañía de María, mentres que o Benxamín B caeu contra o Conxo B. Pola súa banda, o Prebexamín A, que volvía competir tras moitas semanas de descanso, e o Prebenxamín B selaron un dobrete de triunfos ante o Victoria B e o Conxo B, respectivamente.

Por último, en fútbol sala, o Biberón A gañou por segunda semana seguida, cos equipamentos da Casa das Linguas, e o Biberón B empatou co La Salle.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado