Oito canteiráns estarán presentes na volta ao traballo do Compos

Álex Díaz será un dos xogadores da base que participarán nos adestramentos co primeiro equipo.
  • Dous xogadores do filial e seis do Xuvenil A poñeranse ás ordes de Yago Iglesias a partir do luns

Santiago de Compostela, a 2 de Xuño de 2020.

Un total de oito canteiráns estarán presentes a partir do luns na volta ao traballo da SD Compostela. Dous xogadores do filial branquiazul e outros seis do Xuvenil A, que vén de lograr o ascenso a Liga Nacional, poñeranse ás ordes de Yago Iglesias para preparar a disputa do playoff exprés.

Pedro Leis e Antón Olveira, do SD Compostela-Zona Vella, así como Álex Díaz, Iker Caballero, Yoseban Montoto, Diego López, Manu Rivas e Christian Fernández, dos xuvenís, formarán parte do grupo de vinte e cinco xogadores que buscarán o ascenso á Segunda División B.

Todos eles participaron con asiduidade ao longo do ano nas sesións do primeiro equipo, polo que non será unha experiencia nova para eles. Demóstrase así o nexo que hai entre as categorías inferiores e o primeiro equipo, co obxectivo de nutrir o proxecto branquiazul de futbolistas da casa.

Entre os citados, Pedro Leis xa debutou en Terceira División, no penúltimo encontro da tempada 18/19, mentres que Manu Rivas entrou na convocatoria do último partido disputado ata a data. Do mesmo xeito, os oito participaron nalgunha ocasión en encontros amigables do equipo.

Por postos; Álex Díaz e Iker Caballero son os porteiros do Xuvenil A e encargaranse de suplir a baixa deixada por Anxo Pérez; Pedro Leis, capitán do filial, pode actuar como central, lateral ou mesmo mediocentro; Yoseban Montoto é lateral dereito; Diego López, mediocentro; Manu Rivas, extremo esquerdo ou mediapunta; Antón Olveira, extremo ou dianteiro; e Christian Fernández, pichichi, no seu primeiro ano na categoría, do xuvenil que logrou o ascenso, xoga como dianteiro centro.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado