Obxectivo logrado e licenza para pelexar por cotas maiores

Álvaro Casas corta o avance dun rival na primeira metade. Foto: Zamora CF.

  • A SD Compostela empatou 1-1 contra o Zamora e alcanzou así a ansiada permanencia en Segunda B

Santiago de Compostela, a 14 de marzo de 2021.

A SD Compostela seguirá unha tempada máis na Segunda B. Os branquiazuis lograron un meritorio empate contra o Zamora, novo líder da categoría, alcanzando así o seu obxectivo da tempada. Agora, coa permanencia asegurada, os nosos poderán pelexar por cotas maiores.

Nun partido moi igualado, Miki Villar, de novo, puxo en vantaxe ao Compos no minuto 23 cun disparo axustado ao primeiro pau, un tanto que permitiu soñar coa vitoria no Ruta de la Plata. Con todo, e a pesar das opcións visitantes, chegaría o gol do empate no 51, por obra dun excompostelanista, Dani Hernández, quen aproveitou un rexeite dun saque de banda no segundo pau, deixando o tenteo final en reparto de puntos.

Coas novidades de Pablo Antas, que regresaba ao equipo despois de varias semanas fóra, e Gabri Palmás, que estreaba titularidade na liga, a SD Compostela buscaba regresar á senda da vitoria no Ruta de la Plata, tres puntos vitais para asegurar o obxectivo da tempada, a permanencia. Para iso, tiñan que superar ao Zamora, un reto maiúsculo.

Moi ben plantados sobre o terreo de xogo, os branquiazuis tentaron desde o inicio dominar coa pelota, buscando os espazos na férrea defensa local para chegar á área rival. Con paciencia, aos seis minutos chegou o primeiro aviso, unha chegada por banda de Miki, que se foi do seu par, pero o pase atrás do extremo para Juampa sacouno a zaga no último instante.

Repetindo zona e protagonista, no 23, chegaría o primeiro da tarde. Miki Villar encarou ao seu par, penetrou cara a dentro e soltou un gran disparo raso que se coou polo primeiro pau. O lóstrego de Nigrán asinou así o seu sexto tanto da campaña para adiantar aos nosos.

Coa mesma firmeza, o Compos seguiu insistindo cara ao arco rival e rozou o segundo aos 36. Gabri Palmás atopou o espazo pola banda esquerda, encarou a Villanueva, pero non puido superar ao porteiro. Con todo, o rexeitamento caeu no punto de penalti para Brais Abelenda, pero, nesta ocasión, o de Bembibre enviouna arriba coa zurda.

Con todo, antes do intermedio, o Zamora tamén avisaría nunha acción rápida, tras saque de córner. O esférico caeu no segundo pau para Carlos Ramos, tras un centro dende a dereita, pero Pato Guillén tapou os espazos á perfección e despexou a pelota. Por iso, o marcador quedou igual e ambos conxuntos fóronse ao tempo de descanso con vantaxe branquiazul.

Á volta dos vestiarios, os nosos seguiron coa mesma tónica, con especial incidencia pola banda destra. Por aí, no 50, Brais Abelenda conectou con Miki Villar, o extremo entrou ata liña de fondo, pero o seu pase da morte sacouno in extremis a zaga.

Con todo, nunha acción de saque de banda, nun segundo balón, chegou o empate. Os locais puxeron o balón á área, tocouna Brais Abelenda, pero con tan mala sorte que caeu no segundo pau, por onde pasaba Dani Hernández, quen definiu coa zurda ao fondo das mallas.

A pesar do golpe, reaccionaron rápido os compostelanistas, rozando o segundo tanto tres minutos máis tarde. De novo pola dereita, esta vez foi Saro o que avanzou pola liña de fondo, dando o pase ao corazón da área pequena para Gabri Palmás, pero o intento de disparo deste foi taponado por un central.

Chegou o momento dos trocos e o partido retardouse, con continuos paróns e xogadas a balón parado, un fútbol no que, a pesar de non ser o seu maior forte, o Compos demostrou gran solvencia, evitando calquera achegamento á portería de Pato e mesmo chegando nalgunha ocasión por banda.

Por iso, o marcador xa non se moveu e o encontro terminouse co empate 1-1, un punto que permite aos nosos alcanzar o seu obxectivo da tempada, a permanencia na Segunda B. Agora, a falta dunha xornada para que termine a primeira fase, a SD Compostela sacou licenza para pelexar por cotas maiores.

FICHA TÉCNICA:

1- ZAMORA CF: Jon Villanueva; Anxo (Sergio García, m.67), Mese (Abel Conejo, m.46), Íñigo Piña, Dani H. (Nico del Monte, m.73); Carlos Ramos, Vallejo, Astray (Escudero, m.20 (Coscia, m.67)), Dani Hernández; Guille Perero e Adrián Crespo.

1- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, David Soto, Álvaro Casas, Jimmy; Pablo Antas; Miki (Roberto Baleato, m.64), Bicho, Brais Abelenda, Juampa; e Gabri Palmás (Josiño, m.57).

Goles: 0-1: Miki Villar, min.23; 1-1: Dani Hernández, min.51.

Árbitro: Pozueta Martínez (Cantabria). Amoestou a Carlos Ramos e Dani H.; e a Pablo Antas e Bicho, polo Compos.

Incidencias: Estadio Ruta de la Plata (Zamora). Partido da décimo sétima xornada de liga do Grupo 1 Subgrupo A de a Segunda División B disputado ante 2.000 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado