O Xuvenil A, un pasiño máis preto do ascenso

  • Nesta fin de semana, debutaron en liga os equipos de f-8

Santiago de Compostela, a 19 de Abril de 2021.

A primeira fin de semana con fútbol-11 e fútbol-8 deixounos unha morea de experiencias para os cativos da base da SD Compostela. Entre os partidos disputados, destacou o regreso do Xuvenil A, quen se achegou un pasiño máis ao ascenso.

Xuvenil A.

O Xuvenil A da SD Compostela estreouse na Fase de Ascenso cunha clara e ampla vitoria contra o Alondras CF por 4-0. Os branquiazuis foron moi superiores durante todo o encontro e certificárono con tres puntos que o achegan ao ascenso matemático.

Nun duelo no que os nosos non acusaron as baixas, abriu o marcador Axel Lim aos 26 minutos, vantaxe ampliada por Toño no 37. Xa na segunda metade, Yago, no 50, deixaba o partido sentenciado, pero aínda chegaría un gol máis, o de Óscar Remuiñán, no 86.

Con 43 puntos, os nosos seguen avantaxando en cinco ao Pontevedra e en oito ao Coruxo, cando só restan catro xornadas, os únicos conxuntos con posibilidades para o ascenso. Quedan catro finais e tres rivais posibles. A próxima fin de semana, os nosos intentarán deixar a clasificación aínda máis a favor, na visita ao difícil campo do Areosa.

Xuvenís.

Seguindo os pasos do A, o Xuvenil B, dirixido por Pablo Antas, acadou a segunda vitoria da tempada en outros tantos encontros. Os canteiráns do Compos superaron por 4-2 ao Villestro, nun partido no que tiveron que remontar, e seguen no máis alto da clasificación. Un dobrete de Sergio Martínez equilibraba o marcador na primeira metade, á cal se chegou con vantaxe compostelanista grazas ao tanto de Alejandro Suárez no último minuto. Xa preto do final, os nosos pechaban o marcador cun tanto en propia porta.

Pola súa banda, o EF San Lázaro, que comezará a liga a semana próxima, perdeu nun amigable disputado contra o Milladoiro.

Cadetes.

O Cadete A segue sen coñecer a vitoria na División de Honra, xa que caeu, de novo pola mínima, na súa visita ao Arosa SC. Os nosos xogaron un gran partido, conseguiron igualar a vantaxe local con tantos de Hugo Alvarellos e David Pereira, pero os de Vilagarcía acabarían levando os puntos no tramo final.

Si conseguiu a vitoria, segunda consecutiva, o Cadete B, logo de superar por 3-2 ao Villestro. Os nosos, líderes da clasificación, foron sempre por diante no derbi e levaron os tres puntos cos goles de Yago Lois, Leo González e Asier Guldris.

Do mesmo xeito, o Cadete C tamén conseguiu o triunfo, primeiro do ano, tras superar por 5-2 ao Vista Alegre. Os goles dos nosos foron obra de David Estévez, Brais Rodríguez, Manuel López, Mateo Barros e Hugo Quintela.

Infantís.

O Infantil A, agardando o comezo da súa liga, previsto para a próxima fin de semana, xogou un amigable contra o Noia, un duelo que acabou con empate a un. Mentres tanto, o Infantil B perdeu por 8-1 contra o Bertamiráns, con gol de Thiago Pereiro.

Fútbol 8.

Nesta fin de semana, e tras semanas de adestramento e moitos meses de parón, os equipos de Fútbol-8 volveron a competir polos campos de Santiago e comarca. Foron dous días intensos no que os nosos pequenos volveron a desfrutar da actividade que tanto lles gusta.

En alevíns, perderon o Alevín-Pato Guillén, o Alevín-David Soto e o Alevín-Brais Abelenda, este último nun amigable. En benxamíns, pola súa banda, gañaron tanto o Benxamín-Sergio Pereira como o Benxamín-Jimmy e Saro. En prebenxamíns, perdeu o Prebenxamín-Bicho e empatou o Prebenxamín-Baleato. E, por último, o Biberón de sala gañou ao Victoria FC.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado