O Xuvenil A pecha a primeira volta segundo e con 21 puntos

Os xogadores do Xuvenil A celebran un gol esta tempada.

  • Os canteiráns, dirixidos por José Miguéns, lograron sete vitorias en nove encontros

Santiago de Compostela, a 18 de Xaneiro de 2021.

O Xuvenil A da SD Compostela, no seu regreso á liga Nacional, pechou a primeira volta da Primeira Fase da competición cun magnífico segundo posto, con 21 puntos. Os xogadores adestrados por José Miguéns lograron sete vitorias en nove encontros para levantarse ás posicións de privilexio, con dous puntos de vantaxe sobre o Pontevedra CF.

No último compromiso ata a data, os branquiazuis superaron por 1-2 ao Victoria CF, un dos seus principais rivais na táboa. Os nosos conseguiron o triunfo despois de remontar un encontro que se puxera costa arriba na primeira metade. Axel Lim, aos vinte e tres minutos, e Hugo Matos, no noventa, marcaron os tantos que provocaron que os tres puntos viñesen para Santiago.

Deste xeito, a SD Compostela está en posición de privilexio para acceder á Fase de Ascenso á División de Honra. A ela pasarán os cinco mellores conxuntos de cada grupo, conservando os puntos conseguidos ata a data. Desa segunda fase decidiranse os dous equipos que acabarán subindo á máxima categoría do fútbol xuvenil.

Neste senso, no grupo sur, o Coruxo FC, con 20 puntos en oito partidos, e o CD Areosa, con 13 en sete, son os posibles rivais polo ascenso con maior puntuación.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado