O Xuvenil A está a un só punto do ascenso

Santiago de Compostela, a 26 de Abril de 2021.

Fin de semana chea de encontros para a nosa base, na que algúns deles tiveron que lidar coas fortes condicións meteorolóxicas. No aspecto deportivo, o máis destacado foi o triunfo do Xuvenil A, quen está a un só punto do ascenso.

Xuvenil A

O Xuvenil A acadou unha vitoria crucial, remontando un encontro que se lle puxo moi complicado na primeira metade. Os nosos superaron ao CD Areosa por 2-3, remontando nos últimos minutos e con dous tantos no tempo de desconto. Agora, con 46 puntos e oito de vantaxe sobre Pontevedra e Coruxo, a falta de tres xornadas, só necesita un punto para acadar o ascenso á División de Honra, sempre que os seus rivais sumen todos os puntos.

No encontro deste pasado sábado, nunha primeira parte moi accidentada, os locais fóronse ao tempo de asueto cun claro 2-0. Porén, os nosos non se viñeron abaixo e conseguiron meterse no encontro co tanto de Óscar Remuiñán, no 71. Con todo, o mellor estaba por chegar. No 92, Axel Sánchez lograba a igualada e no 94, de maneira agónica, Xoel Eijo volteaba o marcador e conseguía un tanto crucial para as aspiracións dos branquiazuis.

Esta próxima fin de semana, os canteiráns compostelanistas poden pechar o ascenso na casa, no partido que os medirá, precisamente, ao Coruxo.

Xuvenís

No que respecta ao Xuvenil B, igualou no derbi entre colíderes contra o Amio, 1-1, e segue no máis alto grazas á súa mellor diferenza de goles. Un tanto de Hugo Martínez, no 59, permitiulle aos nosos igualar unha contenda que se puxera en contra na primeira metade.

Pola súa banda, o Escola de Fútbol San Lázaro caeu 1-3 contra o CD Rois, a pesar de que se puxo por diante no marcador aos tres minutos co gol de Mateo Nicolás Ronzoni.

Cadetes

Na súa xornada de descanso, o Cadete A non detivo a súa actividade e xogou un amigable contra os xuvenís do Calo SR, un encontro que acabou cun 4-4 final.

O Cadete B, empatou 1-1 na súa visita ao ED Xuventude Oroso, nun duelo marcado pola cantidade de auga acumulada sobre o céspede. Leo González, no 45, anotou o gol para os compostelanistas, que seguen no liderado. Mentres tanto, o Cadete C perdeu 4-1 contra o Victoria B. Rubén Sande anotou o tanto do Compos.

Infantís

No seu debut na Liga, o Infantil A acadou unha gran vitoria por 0-6 contra o ED Xuventude Oroso B, tres puntos que lle permiten comezar no máis alto da táboa. O triunfo chegou cun hat trick de Dani Ouro, un dobrete de Adrián López e o tanto final de Daniel Noya. Pola súa banda, o Infantil B caeu pola mínima, 1-2, contra o Amio B. Xan Moure anotou o tanto compostelanista.

Fútbol-8

Nas categorías máis pequenas, os nosos cativos disputaron a segunda xornada do campionato. En Alevíns, gañou o de Pato Guillén ante o Amio e o de Brais Abelenda contra o Bertamiráns C, mentres que perdeu o de David Soto contra o Conxo C.

En benxamíns, só xogou o de Sergio Pereira, quen gañou ao Victoria B e segue líder. En prebenxamíns, perderon ambos ante o Amio e o Bertamiráns. E en biberóns, en fútbol sala, perderon contra o Atlético Fátima.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado